Bisbarra, 11 de outubro do 2024 – O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a aprobación inicial do Plan Especial do centro de saúde da Ramallosa, en Teo.
Coa publicación deste anuncio no DOGA ábrese un prazo de dous meses para que se poidan presentar alegacións, suxestións ou documentos que se consideren oportunos
Este proxecto manifesta a ordenación da parcela municipal de 10.539 metros cadrados para a implementación do centro de saúde.
O Plan Especial que ven de publicarse é o atinxe ás Infraestruturas e Dotacións do futuro centro de saúde. A partir de agora tamén se suspenden -por un período de dous anos o outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición no ámbito do citado plan parcial.
Coa publicación no DOGA de este Plan preténdese ordenar unha parcela municipal de 10.539 metros cadrados para implementar nela o futuro centro de saúde. Unha vez concluída a fase de exposición pública e recibidos os informes sectoriais pertinentes da Administración do Estado e da Administración da Comunidade Autónoma, será necesario valorar as alegacións que puideran presentarse antes de someter o plan ao ditame de aprobación definitiva.
Datos do futuro centro de saúde
O futuro centro de saúde proxectado para a zona da Ramallosa permitirá reforzar os servizos sanitarios no municipio e ata aumentalos, posto que incluirá tamén servizos bucodentais, un espazo para incorporar un odontólogo e un hixienista dental, así como persoal de farmacia ou de enfermaría especialista en pediatría.
Este novo centro foi acordado mediante convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia en marzo de 2023. No convenio, a Administración autonómica asumía o compromiso de contratación do proxecto de obra, mentres que o concello asumía o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que foran necesarios co fin de posibilitar a cesión da parcela, tal e como acontece coa aprobación inicial deste Plan.