Teo, 27 de xaneiro do 2020 – Casalonga Limpa de Residuos ven de mostrarse contraria a nova Lei de avaliación ambiental que se quere tramitar.
Si hai uns días contábamos a preocupación de colectivos como Mina Touro O Pino NON ou ContraminaAcción agora é Casalonga Limpa, que loita por impedir a instalación dun vertedoiro en Teo, a que se mostra contraria a esta nova Lei.
A plataforma explica nun comunicado que “esta nova Lei daría continuidade as leis aprobadas nos últimos anos, como a Lei 5/2017, bautizada socialmente como Lei de depredación para favorecer o emprendemento e axilizar a implantación de actividades industriais”. Engaden que a nova Lei “deixaría a porta aberta ás empresas para destruír a nosa terra, auga e aire con máis impunidade do que xa o están a facer”.
Resposta as alegacións
A opinión da plataforma teense é que a intención de cambiar a lexislación pode ser “unha resposta da Xunta ás numerosas alegacións que recibiu polo plan de restauración da canteira da Casalonga, alegacións que a día de hoxe aínda non recibiron contestación”. Unha das veciñas que acudiron as reunións da Plataforma opinaba de xeito máis concreto “como lles resulta moi engorroso cumprir a lei, prefiren cambiala, así seguen a estar dentro da legalidade, como lles gusta dicir”.
Alegacións
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos distribuíu o enlace que leva a un cuestionario on-line da Xunta onde se poden achegar as alegacións, tanto de particulares como de asociacións, sobre a proposta desta nova lei. Un membro da rede de Plataformas explica que “A lei obrígalles a facer esta consulta cidadá pero fixérono ríndose do dereito de participación cidadá xa que o prazo de presentación de achegas é do 17 ao 31 deste mes”.
Desde estes colectivos animan a entrar en “Lei de avaliación ambiental de Galicia -Portal transparencia” e achegar a opinión ao respecto.