Bisbarra, 28 de novembro do 2024 – Teo aprobou este mércores, no pleno ordinario de novembro, os orzamentos para o ano 2025, ascendendo a 18,5 millóns de euros.
Desde o goberno municipal cualifícanse estes orzamentos de “realistas e que volven a poñer especial atención no arranxo das vías e das infraestruturas municipais cunha partida específica”.
Ao longo da sesión destacouse o aforro levado a cabo ao longo do último ano coa racionalización de gastos, medidas coas que se queren seguir no vindeiro ano. O consumo de combustible de automóbiles, cércano òs 90.000 euros anuais co anterior executivo pasou neste 2024 aos 49.000 euros, é dicir, un aforro do 45,5%. O cambio de luminarias a LED, aínda en proceso, permitirá tamén un abaratamento dos custos na iluminación pública do concello.
O novo orzamento non terá o lastre do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) ao que tivo que facer fronte o Goberno local no orzamento actual, onde houbo que destinar preto de 900.000 euros ao pago de máis de 1.200 facturas pendentes de cobro e que non contaban consignación económica.
O orzamento ten ademais consignados 2,6 millóns de euros para o arranxo da rede viaria e infraestruturas de titularidade municipal, unha suba de 1,1 millóns de euros con respecto aos orzamentos de 2024.
Neste senso, o Goberno local ten claras as prioridades en materia de infraestruturas e xa ao longo do ano 2024 foi quen de arranxar máis dunha vintena de estradas municipais, incluíndo a humanización de varios núcleos. A isto cómpre engadir a dotación de aparcadoiros municipais -sen custo para as arcas do Concello-, o cambio integral na cuberta do pavillón municipal dos Tilos e as actuais reformas da Casa Común de Santa María de Teo e a sede da Policía Local, as cales verán melloradas a eficiencia enerxética.
Doutra banda, ao igual que en 2024, os impostos municipais permanecerán conxelados sen subas, xa que o incremento do Imposto de Ben Inmoble (IBI) é consecuencia dunha revisión catastral allea ao Concello, polo que o Goberno local manterá a súa porcentaxe de recadación.
Si subirá, debido a Lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular que afecta a domicilios particulares e locais, o imposto de recollida de residuos. O goberno municipal explicou que, en calquera caso, tratará de atrasar todo o posible a suba.
Servizos sociais
En materia de servizos sociais, as novas contas reforzan o gasto do Servizo de Atención Familiar e Temperá, incrementando tamén as prazas no servizo ofrecido por Agadea para as persoas con alzhéimer. O departamento de servizos social terá consignados 3,57 millóns de euros, un 8%máis ca en 2024.
Reforzo en persoal
Así mesmo, en canto a persoal municipal, vaise incrementar o número de traballadores no vindeiro ano 2025 dada a actual carga de traballo e os proxectos a medio e longo prazo que o Concello ten previstos abordar.
Atendendo aos criterios de seguridade cidadá, vanse incrementar as prazas no corpo da Policía Local. Do mesmo xeito, vaise incrementar un posto no Servizo de Urbanismo, en Contratación, na Secretaría Xeral, en Intervención e no departamento de Informática. Tamén se contempla seguir coa estabilización do persoal, dando así cumprimento á lei estatal.
Ademais do incremento salarial previsto para o ano 2025, e dependente da aprobación dos orzamentos do Estado, o Concello de Teo tamén consigna unha partida para o Fondo de Acción Social, onde van fondos tanto para o persoal laboral como funcionario, incluíndo tamén os traballadores subrogados.
Cultura, turismo e comercio
Para o 2025, os orzamentos municipais manteñen o seu compromiso claro e firme coa cultura, o coidado do patrimonio, o turismo e o comercio, con accións de promoción e unha axenda anual repleta de actividades de gran interese para a cidadanía.
Os orzamentos en materia cultural, aumentan ata os case 700.000 euros, onde entran conceptos como a propia restauración do patrimonio arquitectónico. A partida de turismo e comercio chega case aos 270.000 euros, cos que se pretende intensificar as actuacións para a promoción turística e poñer en valor o comercio local teense.