Bisbarra, 9 de decembro do 2022 – A Xunta de Galicia anunciou a construción dun novo treito da autovía Santiago – A Estrada entre a Ramallosa e O Rollo en Teo e A estrada..
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o Consello aprobou o expediente de información pública dun novo treito de 7,5 novos quilómetros para esta autovía.
Rueda destacou que investimento total para ampliar esta vía “superará os 60 millóns de euros” e que as obras se dividirán en dúas fases: un subtreito entre A Ramallosa e Pontevea (AC-241); e outro entre Pontevea (AC-241) e O Rollo (enlace PO-841).
O Consello aprobou ademais o proxecto de trazado do primeiro dos subtreitos, o que une A Ramallosa e o enlace coa estrada AC-241, en Pontevea. O investimento previsto para esta primeira fase supera os trinta millóns de euros.
Unha alternativa que non convence
O Psoe de Teo foi o primeiro en mostrar a súa oposición ao trazado elixido. Durante todo o tempo de deseño de alternativas o BNG de Teo e o da Estrada xa se mostraran moi críticos coas propostas da Xunta de Galicia.
Os socialistas teenses explican nunha nota de prensa que “na nosa etapa no goberno municipal preparamos e presentamos 30 folios de alegacións. O 30 de decembro do 2020 celebrouse ademais un pleno no que todos os grupos mostraron a súa preocupación polo trazado elixido para a ampliación da autovía”. O Psoe acusa tamén ao grupo de goberno municipal e ao PP de Teo de actuar xuntos “dan a calada por resposta no anuncio de exposición pública da autovía da Estrada. Se non é un goberno de coalición na sombra parecese moito”.