Oroso, 9 de outubro do 2017 – Esta fin de semana disputouse unha nova xornada de ligas nacionais e galegas para os seis equipos de tenis de mesa de Oroso.
O sábado, os dous equipos de División de Honra, masculino e feminino, desprazábanse para disputar os seus respectivos enfrontamentos. As mulleres viaxaban a Narón a enfrontarse co Cidade Narón, mentres que os mozos facíano a Cambados onde os esperaba o Establecimentos Otero da devandita localidade.
No Norte, o encontro do Oroso Rios Sangiao comezaba ás 16:00, aliñando as locais á súa fichaxe estrela, a rusa Katia Kuchenkova, e as canteirás Belen Sañudo e Claudia Canay mentres que as visitantes xogaban con Dasha Kuskova (tamén rusa), Olaya Cea e Noelia Igrexas. Comezaba ben o partido para os intereses das de Oroso, impoñéndose con autoridade Kuskova a Sañudo. Pero pronto as locais igualaban vencendo 3-0 Kuchenkova a Igrexas e mesmo se adiantaban gañado Canay a Cea por 3-1. Igualaría Kuskova o marcador, vencendo novamente con certa facilidade a Canay por 3-0, pero Igrexas non podía con Sañudo coa que cedía por 3-1 e Cea caía tamén con Kuchenkova por un claro 3-0. Así o marcador final de 4-2 para as de Narón dáballes a vitoria do encontro e deixa ás de Oroso nunha cómoda posición no medio da clasificación.
Máis ao Sur, os mozos do Oroso aliñaban a Timur Belov, de orixe rusa e aos canteiráns Pedro Castro e Gonzalo Mirás ambos os infantís. Por parte dos locais, o internacional Rafa Taboada, o último abanderado español nas Paraolimpiadas de Rio, José Manuel Ruiz e o canteirán Fernando Padín. Clara diferenza de nivel entre ambas as escuadras, sendo os cambadeses claros favoritos a loitar polo ascenso esta tempada, mentres que os orosinos este ano optaron por dar saída aos seus xogadores máis novos e, por tanto, tocaralles sufrir para poder manter a categoría.
Xa na xornada do domingo, tres partidos simultáneos no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro, fixeron da mañá dese día un espectáculo de tenis de mesa ao máis alto nivel. O partido estrela foi o da Superdivisión Feminina, máxima categoría nacional, e que enfrontou ás locais do Oroso ABANCA contra as andaluzas do Tecnigen Linares. Un partido moi igualado no xogo o cal non se reflectiu no marcador final. As de Xaén acabaron levándose o encontro por 1-4, pero dous dos catro partidos individuais deberon decidirse pola mínima. De caer un só deles ao lado das orosinas, o encontro tomaría outro cariz pero a sorte non sorriu ás locais. Con todo, as 3 xogadoras de Oroso: Vika Klimchenko, Natasha Hoshova e Sara Pérez, mostraron unha gran melloría no seu xogo e o cuerto técnico confía en que pronto chegará a primeira vitoria á escuadra de Oroso.
Disputábase tamén ao mesmo tempo a estrea do equipo de 1ª galega, o Oroso TM Hotel Sta Cruz que recibía ao CTM RC A Estrada. Os canteiráns do Oroso vencían por un claro 4-1, escapándose soamente o partido de dobres no que deixaron escapar a oportunidade de redondear o 4-0. Uxio Pampín, Martín Fernández e Victor Valcárcel, xogaron polo Oroso TM Hotel Sta Cruz.
E tamén se estreaban os máis pequenos do club, co derbi local entre o Oroso TM Trastes e o Oroso Barbería Tije. 4-0 para os do Tije que xogaban con Lucía Rios, Noa Rato e Xullo Pampín mentres que o Oroso TM Trastes aliñaba a Esteban Rodríguez, Sasha Malov e Hugo Crespo.
A próxima semana importante encontro na Superdivisión Feminina, onde o Oroso ABANCA recibirá ao CTM Rivas de Madrid, a priori, un dos presuntos rivais para lograr a permanencia na categoría. O club fai un chamamento a toda a afección para recibir o apoio nun encontro tan importante.