Sonia Moure de Ames e Ramón Burdeos de Ourense colaborarán durante un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Os técnicos de desenvolvemento local irán relatando as súas experiencias e traballo a través dun blog
Ames, 19 de outubro 2016.- Este luns, 17 de outubro, partiron cara Cabo Verde os técnicos de Turismo de Ames, Sonia Moure, e de Ourense, Ramón Burdeos. Alí colaborarán en diferentes proxectos de mellora e fomento do turismo sostible nas illas de Santiago, Fogo e Brava. Neste reto, ademais do respaldo do Fondo Galego, estarán baixo a dirección da Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV). O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén desenvolvendo este programa de voluntariado internacional dende hai 11 anos en países como Mozambique, Perú, Cuba e Nicaragua. Na edición de 2016, tanto Sonia como Ramón, foron as persoas seleccionadas para participar no programa de Vacacións con Traballo en Cabo Verde.
As e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos aos que se desprazan. Por outra banda, o programa ten sobre todo unha finalidade de sensibilización, xa que as e os profesionais participantes entran en contacto con novas culturas, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. As súas vivencias compártenas a través do blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com, mentres que á volta toman parte en diferentes actividades de difusión. Con esta edición, serán xa corenta as técnicas e técnicos municipais e provinciais que viaxaron a países do Sur en once anos.
Segundo explica a técnica de Turismo de Ames, Sonia Moure, espero “intercambiar a miña experiencia e coñecementos cos profesionais do equipo de traballo, ao tempo que coñecer en profundidade a realidade do arquipélago; descubrir os seus problemas e dificultades, mais tamén as súas grandezas e capacidades”. O técnico ourensán, Ramón Burdeos, destaca que o seu obxectivo é “contribuír ao desenvolvemento sostible do sector turístico en Cabo Verde, aínda que estou seguro de que vou ser eu quen máis aprenda, tanto no eido persoal coma no profesional”.
Previamente, estivo en Mozambique, Malena de Jesús, directora do Centro de Información á Muller de Ourense, que colaborou coa Asociación Nacional de Municipios (ANAMM) no fortalecemento da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, integrada por alcaldesas e concelleiras do país lusófono. Tamén cara Mozambique partiu o pasado 19 de setembro, Mónica Mourín, traballadora social do Concello de Bergondo. Neste caso para colaborar coa Fundação Encontro na súa área de acción social, que presta atención a menores vulnerables e maiores. Ademais, aproveitou para supervisar o proxecto a prol da saúde infantil e materna recentemente financiado polo Fondo Galego.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.