Noia, 10 de febreiro do 2022 – Citas co teatro na fin de semana, e cos libros no comezo da seguinte, organizadas polo departamento de cultura do concello de Noia.
O teatro será a primeira das anotacións da axenda para a fin de semana. Este sábado 12 de febreiro ás 20:30 horas porase en escea “A lúa vai encuberta” de Manuel María. Unha peza das compañías A Incendiaria e A Quinta do Cuadrante.
Dirixida por Tito Asorey esta obra fala da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións
Para asistir requírese solicitar invitacións no email programacionconcellodenoia@gmail.com. O máximo serán catro invitacións por persoa.
Xesús Fraga na Biblioteca Municipal
Xa na vindeira semana, o martes 15 de febreiro, O club de lectura María Mariño organiza, en colaboración coa Concellería de Cultura, a presentación do libro “Virtudes (e misterios)” de Xesús Fraga, premio nacional de narrativa e Premio Blanco Amor 2019.
Un libro que conta a emigración desde a parte dos retornados a través da historia dunha familia das Mariñas Coruñesas. A historia tamén da segunda metada do século vinte e dos que marcharon para volver sendo outros a un lugar que tampouco era o mesmo.
O evento terá lugar as 20:00 horas na aula “Álvaro de las Casas” do IES Virxe do Mar de Noia. A entrada é libre ata completar aforo. Requírese o uso da máscara.
