Boqueixón, 10/07/2026 – O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e o chef Álex Iglesias presentaron os “Tardeos no Pico Sacro”, unha iniciativa do Concello para poñer en valor o seu enclave turístico máis importante, que acaba de ser elixido pola Xunta para converterse en Ben de Interese Cultural, a través dunha nova e completa oferta cultural, turística e gastronómica.
Ovidio Rodeiro salienta que “comezamos unha nova andaina no Pico Sacro, este monte mítico e lendario, cunha programación moi ambiciosa onde por primeira vez incorporamos un servizo de food-truck e ampliamos a programación cultural para que o visitante poida desfrutar destas fermosas vistas e da posta de sol nas tardes dos venres, sábados e domingos, festivos e vésperas de festivos”.
O alcalde convida non só á veciñanza de Boqueixón senón “ a todas as persoas que queiran coñecer o Pico Sacro con visitas guiadas e degustar os produtos da zona dunha food-truck con pratos inspirados nas nosas tres festas de interese turístico: a Filloa de Lestedo, o Entroido dos Xenerais da Ulla de Sergude e as Carrozas de San Cidre do Oural”.
Food-truck e visitas guiadas
Un punto no que incidiu o propio Álex Iglesias, en cuxa food-truck “Sabores que te suben ao Pico” non só se poderán tomar cafés, augas e refrescos, senón degustar tamén propostas con produtos locais, como unha hamburguesa con queixo Bo Queixo, ou postres como a Tarta de Lestedo ou as filloas de Lestedo con crema e avelá.
Como ben asegura, “cada bocado conta unha festa, cada receita conta Boqueixón”. A food-truck prestará servizo todos os venres, sábados, festivos e vésperas de festivos, en horario de 15:00 a 22:30 horas; así como os domingos, de 12:00 a 20:30 horas.
Paralelamente, o Concello de Boqueixón ofrecerá un servizo de visitas guiadas ao Pico Sacro nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro. Unhas visitas de 1 hora de duración nas que o técnico municipal de Turismo presentará aos turistas as múltiples facetas do Pico So O horario das visitas será de mércores a domingo, con saída do aparcamento do Pico Sacro ás 12:00, 16:00, 18:00 e 20:00 horas. En casos, sobre todo, de grupos numerosos recoméndase reservar praza no mail boqueixonturismo@gmail.com ou no 981 513 061.
Actividades
A maiores, o Concello de Boqueixón ten preparada unha ampla programación cultural para dinamizar este espazo con actuacións musicais, recitais, conferencias… Un programa que arrinca este sábado 11 de xullo, ás 10:00 horas. co ciclo “Un mes e Pico” e a sesión “O Pico Sacro e os catro elementos da natureza”, unha iniciativa de conexión co Monte Sagrado a través dos catro elementos da natureza mediante dinámicas de mindfulness, movemento consciente e arteterapia.
Venres 17 de xullo, ás 19:30 horas. Brais das Hortas presenta o seu espectáculo “Consertasso na horta”, dirixido a un público familiar.
Sábado 18 de xullo, ás 19:00 horas. Ciclo “Un mes e Pico”. Conferencia “Historia e lendas do Pico Sacro a través de gravados e imaxes”, con Henrique Neira e Pablo Sanmartín. Capela de San Sebastián.
Domingo 19 de xullo, ás 19:00 horas. Ciclo “Un mes e Pico”. Conferencia “O que fan as montañas sagradas: testemuñas antigas e sentidos presentes desde os Andes”, con Thibault Saintenoy. Capela de San Sebastián.
Venres 24 de xullo, ás 19:00 horas. Ciclo “Un mes e Pico”. Conferencia “Eclipses na historia e nas culturas”, con César González García. Capela de San Sebastián.
Xoves 30 de xullo, ás 20:00 horas. “Noite máxica, noite meiga”, recital poético musical cos poetas Peter Brea, Ivan Pardo (Varviak), Alejandro G Calderón (raizausente) e Ana Valín (Mirlo Blanco). Coa actuación da cantautora María Carolina e unha sesión de pintura en directo a cargo de Miguel Tierra.
