Melide, 20 de abril do 2022 – Esta fin de semana celebrarase a Foliada de Melide que por primeira vez está organizada desde o concello e que contará coas Tanxugueiras como estrelas da celebración.
A Foliada de Melide terá como sempre cantos de Taberna, a Marcha Gaiteira e a mostra de artesanía. Trátase de decimo quinta edición que chega despois de catro anos sen celebrarse.
Unha Foliada de tradición
A XV Foliada de Melide recupera elementos tradicionais de edicións anteriores e volve apostar pola reivindicación da música tradicional e popular galega.
o Concello recolle o testemuño da Asociación Cultural O Castelo, responsable das catorce anteriores e que prestou a súa colaboración para facer posible o evento. O programa inclúe unha morea de actividades diversas, gratuítas e de libre acceso.
Programación
A programación dará comezo na mañá do sábado 23. Ás 11h terá lugar a apertura da Mostra de Artesanía e Instrumentos na Rúa do Convento. Este evento xuntará novamente artesás e artesáns chegados de toda Galicia que exporán dende instrumentos de percusión a gaitas ou zanfonas, pasando por traxes tradicionais e talla de madeira, pedra ou coiro. A mostra permanecerá aberta durante toda a fin de semana, configurándose novamente como un dos elementos máis característicos da Foliada.
Ás 11.30h haberá animación de rúa con xigantes e cabezudos e o grupo ‘Os treboeiros da Muimenta’, que volverán actuar ás 17h. Pola súa banda, ás 12h e na zona dos viños, celebrarase unha nova edición do Concurso de Cantos de Taberna, cuxa entrega de premios será ás 15.30h na Praza do Convento. Este evento, que reunirá participantes de concellos como o propio Melide, Arzúa, Santiso, Sada, Betanzos, Cervo, As Pontes ou Boqueixón, é un dos máis emblemáticos da Foliada. O concurso enche de música e bo ambiente as tabernas da zona. Leva celebrándose dende o ano 2009.
Desde as 17.30h terá lugar o Obradoiro de Baile ‘Bailabén’ con Gustavo Couto. Colaborará Bico da Balouta (Agolada). Será no Cantón de San Roque. Ás 17.30h impartirase o obradoiro para cativos e ás 18h para os adultos.
Por fin, ás 19h a esperada Marcha Gaiteira percorrerá a vila. Ás 19.30h a Praza do Convento acollerá unha nova edición do Serán, xuntando grupos de toda a terra de Melide e outros concellos galegos. Así, de Melide estarán presentes ‘Froito Novo’, ‘Herba Grileira’ e ‘Pozo Pequeno’. De Toques virán ‘O Bingo Birón’ e ‘Gaiteiros do Balado’, así como ‘Penajulpilleira’. Dende Sobrado dos Monxes virá ‘A Maristela’ e dende Santiso ‘Fol da Chousa’. Actuarán igualmente ‘O’Bringuelo’ de Arzúa e ‘Palacio do Rei’ de Palas de Rei, ademais de ‘Lumieiras do Morrazo’, do Morrazo.
Á medianoite actuará, tamén na Praza do Convento, Comando Curuxás. Formado en 2017, o son do grupo lembra ás antigas romarías e convida ao público a divertirse, bailar e gozar coa música. O seu repertorio inclúe fandangos, rumbas, xotas, muiñeiras e outros ritmos bailables.
Domingo 24 de abril
Ao día seguinte, a Mostra de Artesanía volverá abrir ás 11h e ás 11.30h regresará a animación de rúa a cargo de xigantes e cabezudos.
Ás 12h presentarase o libro ‘O Toque Pechado’ de Pablo Seoane na Capela de Santo Antón. A publicación recolle dous anos de duro traballo deste gaiteiro de Teo. No libro, Seoane ofrece unha axuda aos músicos que queiran aprender ou mellorar esta técnica da gaita de fol. Inclúe varios exercicios e máis dun cento de partituras adaptadas a todos os niveis.
Ás 13h terá lugar a actuación da ‘Agrupación de Pé Feito’, da Asociación Ourensá de Folclore. Será na Praza do Convento. Posteriormente, ás 14h, celebrarase a Sesión Vermú na Praza das Ichoas, a cargo de ‘Cé Orquestra Pantasma’.
A programación da tarde arrincará coa actuación infantil ‘Cantaxoga’ a cargo de Migallas Teatro. Representarase ás 17h na Praza do Convento. Ás 18h celebraranse Xogos Populares na Praza do Pozo Pequeno.
