A Estrada, 15 de decembro do 2021 – A Asociación Cultural Vagalume organiza na Estrada un taller de música represaliada impartido por Xurxo Souto.
O obradoiro terá lugar no MOME o vindeiro venres 17 de decembro ás 20.30 h con entrada de balde. Xurxo Souto dará este taller de música represaliada co obxectivo de concienciar sobre a grande cantidade de proxectos musicais que quedaron ocultos na ditadura.
O obradoiro fará un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicará a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión (algunhas e algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño.
Partirase de diferentes testemuñas orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas do seu contorno.
Xurxo Souto
Cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto, entre 1990 e 2001.
Desde 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego (coma A tropa da tralla), colaborou con varias publicacións (coma a revista Bravú) e foi subdirector de programas da Radio Galega, onde tamén dirixía Aberto por reformas, un espazo caracterizado por emitir exclusivamente música en galego.
Forma parte do grupo Os Tres Trebóns, onde se encarga da voz e do acordeón.
