Compostela, 10 de marzo do 2022 – Baixo a dirección de Candido Pazó, Talía Teatro trae ao Principal de Compostela “Morte accidental dun anarquista” de Darío Fo.
Pazó volve a dirixir a Talía Teatro para por en escea este clásico da dramaturxia italiana. Sobre as táboas Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos. Unha peza na que a inestabilidade social na Italia serve de decorado, algo que converte a peza nunha obra de actualidade.
O espectáculo estrearase este venres 11 e sábado 12 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Morte accidental dun anarquista
Talía Teatro explica que “Morte accidental dun anarquista” (1970), escrito polo excepcional Dario Fo, “levaba tempo no noso ficheiro de posibles. Trátase dun texto clásico cunha comicidade mordaz, absolutamente desbordante”.
A compañía conta coa axuda á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) na modalidade trianual.
Talía engade que “seguramente esta afirmación non sería moito do seu agrado, pero a día de hoxe podemos considerar que Darío Fo é xa un clásico teatral dos últimos tempos. Por iso quixemos unirnos á inmensa nómina de compañías que montaron, montan e montarán as súas pezas, e entre elas, madía leva, a máis emblemática de todas”.
Tras pasar por Compostela a peza irá a Boiro (25 de marzo), Cee (26 de marzo), Vimianzo (2 de abril), Ribadeo (3 de abril), Lugo (7 de abril), Muros (23 de abril) e Narón (6 e 7 de maio).
