Compostela, 28 de xaneiro do 2021 – O Arcebispado de Santiago ven de decretar a suspensión das procesións de Semana Santa e todos os actos que supoñan o uso da vía pública.

O Arcebispado toma a decisión tras coñecer o parecer das 13 Confrarías e Irmandades. Estes colectivos non vían garantías dabondo para celebrar os 17 desfiles de Semana Santa e pedían que se tomara unha decisión canto antes ao respecto. Si se manterán as celebracións litúrxicas nas que si é posible cumprir as disposicións das autoridades sanitarias.
Semana Santa de interior
O presidente en funcións da Xunta de Confrarías, José Ramón Muñiz Ramos, explica que “a Semana Santa celebrarase igualmente pero, despois desta decisión, será no interior das sedes das Confrarías ou, no seu caso, noutros espazos pechados nos cales se poida controlar o aforo e así cumprir escrupulosamente coas restricións vixentes en cada momento”.
Proximamente a Xunta de Confrarías dará a coñecer a data e o pregoeiro do presente ano 2021. Un pregón que, tal e como xa indicaron durante a presentación do seu cartel, celebrarase. “…contará coas medidas necesarias, será un aforo reducido e, por suposto, retransmitirase vía streaming para que calquera persoa poida escoitalo desde a súa casa”.
Conscientes de que é unha decisión dolorosa para todos os Confrades e Confradesas da cidade, xa que as procesións non sairán á rúa por segundo ano consecutivo, e máis, nun ano tan especial como este ano Santo, a Xunta de Confrarías tamén se mostrou optimista, xa que grazas á decisión do Santo Pai de prorrogar o Ano Santo ao próximo 2022, esperan que cambiase a situación que actualmente vivimos e as procesións poidan volver ás rúas da cidade do Apóstolo.
