займ срочно

Suso de Toro fala como escribe, con paixón e con sentido común. Medita e razoa á vez que comunica e recoñece que, a pesar de decidir no 2010 deixar ese oficio, nunca se deixa de ser escritor “eu contemplo a vida como escritor, esa é a verdade; e como escritor vexo a vida dos demais como argumentos, como historias e vexo ás demais persoas como personaxes, ao mesmo tempo tento comprender as claves da súa historia [] o que ocorre é que non podes estar a che amargar constantemente por querer  facer unha cousa e, ao mesmo tempo, non poder facela así que agora cando a mente empézame a traballar curto e dígome esquéceo esta non vai ser unha historia.

Lémbrase como un neno imaxinativo e “propenso á fantasía” ao que os mestres , coa valoración das súas historias, empuxárono cara á escritura “tiven bos profesores en Peleteiro, tiven a Dona Carmen, a Manolo Quintáns, e tiven un profesor afortunado para o meu, no instituto masculino, que foi Don Benito Varela Jácome co que estudei literatura contemporánea, algo marabilloso xa que me permitiu ordenar todo un mapa da literatura contemporánea, foi un privilexio, e a partir de aí tamén comecei a escribir con moita ambición”.

Aos 16 anos entrou por primeira vez nunha organización clandestina, corría o ano 1972, e lembra aquela época cunha mestura de compromiso absoluto do que fala con tinguiduras románticas “hoxe non se pode entender ben o que era pero a loita política naquel momento era unha paixón épica e tamén ética, era algo moi intenso. Os primeiros folletos que tirei foron contra o asasinato de Puig Antich, falabamos de cousas tan tremendas que hoxe non se pode imaxinar o que foi a política para a miña xeración. Logo veu o asasinato de Moncho Reboiras, fusilaron aos 5 mozos no 75, foi unha pulsión tan tremenda que abandonei a literatura”.

Segue pensando como naquela época e recoñece que ás veces ten a sensación de que a sociedade deixo sós aos que estiveron naquela loita “Cando morreu Franco caducou tamén en certo sentido o tempo dos antifranquistas. Sinto que tras a morte de Franco o meu tempo era até aquel momento, sinto que despois a sociedade esqueceuse de nós  e que todo o que veu foron anos falsos, foi unha mentira. Non o foron porque en certa medida foi a miña vida, tiven fillos, fíxenme escritor…,  pero as miñas formulacións seguen sendo as daquela época e son moi crítico coa sociedade española e coa desmemoria, a frivolidade, a trivialidade. Esta é unha sociedade infantil, de escravos, de servos, ao final é vivan las cadenas, viva Alfonso VII, viva Madrid y viva la Puerta del Sol.

Suso de Toro coñece mellor que ninguén a Galicia na que vivimos porque pasou por todos os lugares desta sociedade; di cargar moita memoria até o punto de sentirse fatigado por ese peso ” andei en moitas cousas distintas, fun colaborador do sindicalismo agrario e pisei as cortes e as corredoiras, estiven tamén no sindicalismo obreiro e coñecín o mundo das empresas, acumulei moitas experiencias distintas e fatiga, necesitaría descansar de min mesmo e da miña propia vida”.

Desde neno tivo que colaborar no negocio familiar, coñecer de preto o traballo  físico fíxolle valoralo “sempre entendín aquilo que Carlos Marx teorizaba sobre comprender a relación entre o traballo intelectual e o traballo manual, sempre valorei moito o traballo físico de modo que nunca lle tiven un particular aprecio aos intelectuais [] teño cargado pipos de viño, caixas de gaseosa, de cervexa, teño descargado camións [] cando fun universitario sempre sentinme un pouco alleo ao mundo dos universitarios porque eu vivía entre dous mundos, cando chegaba á facultade ou ao instituto xa viña de estar traballando no bar e despachando aos traballadores que madrugaban para ir a construción, aos talleres, aos comercios…”.

Deixou o oficio de escritor para descansar e levar unha vida máis tranquila pero non lle está resultando fácil, os seus artigos en prensa e a súa participación en faladoiros fanlle implicarse e volve encher é cabeza que nunca está baleira, o tempo que vivimos tampouco axuda “dentro duns anos este momento será contemplado como un momento de crise da sociedade española no seu conxunto, de crise social, de transformación social. Está a desaparecer a clase traballadora, hai xeracións que están a ser expulsadas do traballo e non se como vai ser a vida desas persoas. Ao mesmo tempo o que sería a clase media está a sufrir tamén polo que está a haber cambios estruturais moi profundos. Tamén hai unha crise do estado que está a cuestionar toda a forma do estado, refírome á monarquía. É ademais un estado que pretende ser unha nación unitaria o que neste momento é evidente que Cataluña xa non acepta [] o que me doe de todo isto é que Galicia volve estar tan débil como o estivo tras a morte de Franco, aquela era unha época na que facía falta que Galicia tivese forza para aproveitar o momento de cambio e dar un paso adiante e non foi así, entramos moi débiles naquel momento na democracia e tivemos autonomía de milagre, e aínda así foi unha sociedade que non aprobou a súa propia autonomía e entregoulla a partidos que non crían nela. Agora está a suceder o mesmo, preocúpame que Galicia non teña organizacións políticas propias fortes. Galicia existirá como país se ten organizacións políticas propias, autonomía ten a Rioxa ou Murcia e non son nada, son provincias. Galicia necesita ser unha nación polos seus propios problemas, necesita ter organizacións políticas propias como Cataluña ou o País Vasco” 

Suso de Toro non pode evitar a política, o compromiso segue aí desde aqueles tempos esquecidos, agora preséntase ás eleccións ao Parlamento Europeo nas filas do BNG pero uno dáse conta que máis aló de ir nesta ou aquela lista o único que fai é seguir fiel a si mesmo e defender ese anaco de historia que o converteu no que hoxe é. 

Share.

Comments are closed.