займ срочно

 “Suso. Fóra de Lugar”, o documental sobre Suso de Toro preséntase hoxe no teatro Principal

0

Compostela, 17 de abril do 2024 – O Teatro Principal acolle esta tarde a presentación do documental “Suso. Fóra de lugar”, un filme de Alberto Sacido sobre o escritor Suso de Toro.

En esta peza Suso de Toro revisa o seu camiño nas marxes, nunha conversa constante que o leva a revisitar os seus inicios, os seus modelos e proxectos literarios, os obstáculos na súa carreira, a súa militancia política, e o abandono e posterior regreso á súa profesión de escritor.

Despois de sete anos de traballo “Suso. Fóra de Lugar” ve por fin a luz. Unha peza audiovisual que non só fai un repaso pola vida do escritor compostelán, senón que ademais presenta o encontro con 26 persoas e colectivos cos que Suso de Toro compartiu as conversas que o van construíndo e que reflexionan sobre o seu traballo, a súa vida e as dificultades de ser escritor galego, tanto dentro como fóra de Galiza.

Este é a segunda longametraxe na que participa Alberto Sacido, que en 2014 presentou “Unitarias”, un documental que reconstrúe a historia das escolas do rural de Galicia a través da vida do seu pai, un mestre que empezou traballando nestas escolas nos anos 60. Mediante as súas experiencias, o documental presenta os cambios que tiveron que asumir xuntos profesorado e alumnado durante o último medio século.

A produción de “Suso. Fóra de lugar” contou co apoio fundamental de Culturactiva S. Coop., a entidade que proveeu de recursos e asistencia técnica para facer posible a súa realización. A coprodución é de Danga Danga e a Postprodución de Arraianos. Pola súa banda, este documental recibiu financiamento para a postproducción da Deputación da Coruña dentro da convocatoria de Proxectos Singulares do 2023, apoiando tamén a xira de presentación deste documental.

Esta primeira presentación de “Suso. Fóra de lugar” realizarase esta tarde, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Posteriormente, o documental presentarase en Outes, o sábado 27 de abril, en Ribeira o 4 de maio; o 11 de maio en Betanzos e o día 24 dese mesmo mes, en Cedeira.

Pode consultarse máis información na web susoforadelugar .

Share.

Comments are closed.