Arrancamos o mes de abril con catro propostas diversas. Dúas estreas na grande pantalla, outra por unha coñecida canle de streaming e a nosa aposta polo formato físico doméstico coa novidade no blu-ray da adaptación do superheroe hispánico Superlópez xurdido da xenial mente de Jan, alá polo 1973. Comezamos por este último.
Coma escusa para botar unhas gargalladas entre os máis pequenos da casa, a partires do 10 de abril, pódese mercar a edición física do filme SUPERLÓPEZ (2018) de Ruiz Caldera, cineasta que lembramos por ese errada tentativa de facer un cinema próximo as bufonadas creadas da factoría ZAZ (Zucker, Abrahams, Zucker) que na década dos Oitenta elevou a categoría de estrela da comedia grosa ao actor Leslie Nielsen, nunhas producións certamente divertidas se a nosa esixencia previa é tan só rir ata fartar.
Para SUPERLÓPEZ, Caldera traduce en imaxes o universo de Jan, autor excepcional dotado dun fino e irónico sentido do humor, que levou esa sorna catalá ata cumios dunha hilaridade só igualada polo Ibáñez máis mordaz nos seus MORTADELO Y FILEMÓN. No filme (que por certo, foi o segundo grande éxito nacional do ano pasado con 10 millóns de recadación no despacho de billetes) o actor Dani Rovira acepta o reto de encarnar o bigotudo heroe coa fortuna interpretativa que xa sospeitabamos neste comediante.
Mellor, non fagamos máis sangue da necesaria e pensade nos vosos cativos que de seguro gozarán co agasallo. Filme moi enfocado a esas idades, acerto e erro tamén, xa que poderían ofrecer un filme máis elaborado na liña argumental para captar o interese dos maiores, pero vese que os talentos quedan limitados a algunhas secuencias rexionais ou nos cómicos diálogos nai-fillo. O guión de Borja Cobeaga -PAGAFANTAS (2009)- e Diego San José -FE DE ETARRAS (2017)- podería dar moito máis de si, pero supoño que gardarán forzas para unha posible secuela, que con honestidade agardo, xa que sospeitamos adaptarán unha das mellores historias do debuxante e guionista leonés; a especial versión que fixo da obra máis coñecida de Tolkien, que titulouna EL SEÑOR DE LOS CHUPETES e que aínda agora gozo coma cando de novo olleina por vez primeira.
O dito, apoiade o formato físico ante o risco da súa desaparición, nesta produción que xoga na estética, a seguilos pasos daquela comedia tan afortunada que foi EL MILAGRO DE P. TINTO (1998) de Fesser, cume do slapstick hispano, herdeira afortunada do DELICATESSEN (1991) de Caro e Jeunet. Pregúntome que houbera acontecido se Álex de la Iglesia ó final houbera dirixido o filme, pero tamén e certo que para encarnar o protagonista o elixido era o cómico José Mota, así que o xantado polo servido, coma soen dicir.
E coma seguinte análise pasamos a re-invención ca mega-corporación na que estase a transformar Disney, fai do seu fondo de catálogo. Unha das estratexias cara os vindeiros anos da compañía do rato é filmar novas versións dos seus clásicos animados, metendo actores de carne e óso, eliminando todas eses anacronismos (de vergoña na maioría) que os novos tempos non dubidan na denuncia máis evidente.
Era Walt Disney unha lenda visionaria chea de luces e algunhas sombras que o tempo ocultou nunha lembranza amable do personaxe e coma exemplos as “caprianas e bonitas” dúas derradeiras adaptacións biográficas do debuxante estadounidense coma foron a indie WALT BEFORE MICKEY (2015) de Khoa Le e a académica SAVING MR. BANKS (2017) do cineasta John Lee Hancock (que volverá as nosas críticas no día de hoxe).
Confeso que non teño moita interese nesta volta de torca dos seus clásicos e o motivo por que fun ver o cinema as venturas do paquidermo voador, non era outro que na dirección figura o nome de Tim Burton, cineasta que incluso nos seus peores filmes sempre pódese sacar cousas de interese.
Ovaciono a cineastas como Burton, cunhas sensiblidades excepcionais coma dixo no seu momento Johnny Depp e sempre que vexo unha estrea do cineasta, teño coma unha inquedanza pueril ante o que vainos ofrecer. Para DUMBO, non vai nada de iso. Deixoume chafado a simpleza coa que leva a historia e nin sequera o traballo no CGI que fan do elefante, véxoo acertado (moi ñoño, humanizado no exceso, moi “adorable” de máis).
Nada que obxectar no deseño da produción, recreando ese Dreamland no que só falta Michael Jackson camiñando co seu MoonWalk baixo as luminosidades pictóricas que Edward Hopper daría por boas, e por suposto batemos as nosas palmas ante a denuncia que vemos dos circos que maltratan animais e non moito máis, a verdade. Non mellora ao clásico homónimo do 1941, que non necesariamente ten que selo obxectivo desta produción, pero polo menos podería apostar por novidades narrativas que potenciaran a historia de sobra coñecida por todos.
Filme claramente orientado a unha audiencia incondicional das propostas politicamente correctas e benpensantes da que fai gala a compañía chamada a monopolizar o entretemento familiar neste presente século. Estará por ver a arremetida empresarial con ese outro leviatán colosal que é o Amazon de Bezos e se haberá espazo audiovisual dabondo para tanto ego sen mesura.
DUMBO é un tropezo (non maiúsculo) na carreira de Burton, pero que por desgraza non sorprende, vistas as derradeiras películas do outrora transgresor, orixinal e divertido cineasta. Supoño que moita culpa terá o guionista Ehren Kruger que dende a interesante ARLINGTON ROAD (1999) non volveu asinar un escrito mellor (e xa choveu).
Imos subilo listón nas calidades e coma insospeitada e agradecida proposta chega o novo traballo do director John Lee Hancock, THE HIGHWAYMEN (2019), filme de estrea exclusiva nunha coñecida canle de streaming, especializada en ofertar algo tan galego coma cantidade no detrimento das calidades.
Os feitos a narrar no filme son a “caza ao home” que fai o veterano ranger de Texas, Frank Hamer e a súa cuadrilla na procura da parella de criminais Bonnie e Clyde, asalta bancos e pistoleiros que no seu tempo tiveron tanta sona que convertéronse nunhas celebridades apoiadas polo pobo que sufría as consecuencias da crise económica do 1929 e que Hancock filma cunha fortuna que lembra o visto na memorable THE GRAPES OF WRATH (1940) do mestre de mestres John Ford ou na contundente EMPEROR OF THE NORTH POLE (1973) de Aldrich.
Consegue Hancock levar cunha axilidade moi entretida as dúas horas de metraxe, tendo tempo para rodar unhas panorámicas moi propias dos horizontes infinitos do Far West, centrando a liña argumental con moita pericia, na dupla de policías e as súas pescudas durante os meses que levoulles tendela trampa aos prófugos. É un acerto. Como tamén ter tempo para indagar nas motivacións do pai de Clyde ou do xogo político da gobernadora Ma Ferguson (un pracer sempre gozar coa interpretación da magnífica Kathy Bates, a nosa quebranta-nocellos favorita).
Todo isto moi ben adornado por unha moi meticulosa produción de Michael Coren Blith, responsable notorio do deseño do APOLLO 13 (1995) de Ron Howard e cun escrito de John Fusco, incrible triunfo do responsable daquela curiosidade que fora o YOUNG GUNS (1988) de Cain. Vese que viulle moi ben documentarse co fillo do propio Hamer.
Mención aparte merece o cada vez mellor actor Woody Harrelson, aínda que corre o risco de encasillarse nun rol de policía medio mazaroco, medio besta pero de bo corazón. Ten máis rexistros que iso pero polo menos da unha superior réplica interpretativa que Kevin Costner, actor que nos derradeiros anos aposta por unha contención dramática que no seu caso dámola por boa, que xa e moito dicir. Polo menos, non cae na autoparodia doutros colegas na profesión coma poden ser os Mel Gibson, Bruce Willis ou Nicolas Cage.
THE HIGHWAYMEN é unha moi recomendable película que ten máis cine do que soemos ver nas producións desta canle. Non é perfecta por que o traballo na edición é mellorable e tampouco tenta bater un pulso cualitativo coa excepcional BONNIE AND CLYDE (1967) de Penn, filme xeneroso no exceso na hora de honrar o periplo profesional dos delincuentes obviando os feitos reais por mor dun mellor discurso narrativo. Algo que no filme de Hancock, e ese é o grande achado, ten por bandeira principal. Moi ben feito, caramba.
E coma anécdota, outra notable composición do músico Thomas Newman, nomeado ¡14 veces! nos Oscar, portador desa “maldición” familiar orixinada polo seu pai, o grande Alfred Newman, que quedou con todos os premios posibles (¡gañou 9 estatuíllas!) e que bateo a plusmarca do seu primo Randy que sumou ata once erradas candidaturas antes de gañalo galardón pola magnífica B.S.O. feita para o MONSTER, INC (2001) de Pete Docter.
Bo filme, cun epílogo dunha certa reivindicación de “auteur”, cunhas homenaxes as figuras heroico-lendarias da imaxinería propia da cultura popular estadounidense; o paso do tempo cun ton por intres crepuscular, as novas tecnoloxías non ben dixeridas polos rangers, as olladas silentes co din todo dos protagonistas, cuns diálogos na beira do río que lévanos a esa cámara fixa de John Ford na súa TWO RODE TOGETHER (1961), coma tamén vai moito do Peckinpah máis sutil e elegante (se algunha vez quixo ser iso).
Sorpresa moi recomendable, coma tamén temos que destacar no derradeira oferta de lecer da crítica de hoxe; o formidable biopic da xuíz da Corte Suprema dos EE.UU. a excepcional dona Ruth Bader Ginsburg, personalidade moi relevante na vida pública estadounidense, que na década dos Setenta levou con éxito as súas propostas de cambios lexislativos ca Sociedade da época pedía a berros, especialmente nas discriminacións legais baseadas nas cuestións de xénero.
ON THE BASIS OF SEX (2018) é a feliz volta o cinema da cineasta Mimi Leder, autora notable daquel filme precursor do que agora entendemos coma películas de acción serias coma as da saga de Jason Bourne ou do James Bond máis cru. Falamos de THE PEACEMAKER (1997), produción moi recomendable que pasou sen moita gloria no seu intre. Por fortuna, Leder non deixou o oficio, perdeuse por producións televisivas si, pero de calidade e retorna con merecidos loureiros para agasallarnos cunha magnífica película onde todo está encaixado perfectamente e onde nada sobra.
A credibilidade na historia ten moito que ver no guión de Daniel Stiepleman, sobriño da propia Ruth Bader e que conta sen caer gratuitamente nos dramatismos que tivo que aturar a xurista durante grande parte da súa vida polo mero feito de ser muller.
Criada no seno dunha familia xudea onde ensináronlle a cuestionar todo (unha das grandes aportacións desa comunidade é o seu inconformismo cultural, e non é casualidade que nunha porcentaxe abraiante as Artes estadounidense teñan unha presenza tan relevante de dito colectivo), Bader tivo que loitar por conseguir prosperar nunha época onde non regalaban nin os bos días.
Leder, centra a historia dende a chegada a Harvard ata o intre cenital que foi a presenza no Xulgado para mudar as percepcións de tres xuristas que tiveron o que hai que ter para entender ca Lei non está escrita nunha ríxida táboa de pedra, senón que vai dentro da súa elasticidade normativa, instrumentos suficientes para súa revisión.
Os tempos mudan e con eles as Leis, que teñen que ser garantes das novas realidades e non áncoras que freen o desenrolo social e o progreso económico. No filme, sen caer na plúmbea explicación teórica, aborda con axilidade as loitas para facer real a Emenda 14 da Constitución, pasando por figuras históricas coma a avogada Kenyon (outra vez a brillante Kathy Bates) e lembrando ese cinema revitalizante dos Setenta que estamos vendo que repunta nos derradeiros tempos coma na notable SPOTLIGHT (2015) de McCarthy ou sobre todo na sobresaínte THE POST (2017) de Spielberg, film de obrigado cumprimento por parte do cineasta ante a desfeita que o Axente Laranxa está facendo ou tentando facer.
Na época actual, vemos e gozamos coas reivindicacións necesarias dos colectivos Time´s Up o MeToo e das propostas audiovisuais influídas por elas; e de tódalas vistas polo de agora, quedamos con esta ON THE BASIS OF SEX (2018) por sela máis integradora, intelixente e lograda película que non fai apoloxía barata e demagóxica, xa que tenta contar con todos, sen caer nos estereoripos nin nas banalidades.
Descoñezo se seguirá na grela das estreas no día de hoxe, por que leva tempo xa carteleira e recoñezo que é mea culpa, por tardar tanto en gozala na grande pantalla. A lo menos non foi deses filmes que por imposibilidade no tempo, escabúllense do meu visionado aínda que sempre van segundas opcións coma mercalas no formato físico (para iso falamos hoxe do SUPERLÓPEZ) ou da excepcional LAZZARO FELICE (2018) de Alice Rohrnacher e que deixamos o enlace da pasada crítica do 8 de marzo.
Non aforro eloxios para ON THE BASIS OF SEX, do mellorciño visto no 2019. Podería seguir cantando as súas virtudes, pero chegados ata este punto, o mellor que podo dicir é que non perdades a oportunidade de gozar desta fermosa historia e atención “a subida final das escaleiras”.
Seguide indo aos cinemas. Sodes o motivo final polo que as persoas do sector seguen facendo filmes. De vós depende a industria. Non fagades caso das tendencias, tede o voso propio criterio e fuxide das modas baleiras de contidos. Buscade alimento para as vosas ánimas; os que comparten as vosas vidas, agradecerano e notarédelo para ben.