Compostela, 5 de febreiro do 2025 – O papel do profesorado na defensa do galego no ensino, desde a infancia ao bacharelato, será o centro do debate que organiza o STEG en Compostela.

O Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia, organiza unha Asemblea Xeral pola Lingua no Ensino na Casa do Taberneiro, Rúa de San Pedro o vindeiro domingo día 9.
O obxectivo é activar ó profesorado e reivindicar o seu papel como axente normalizador do galego de cara á manifestación nacional do 23 de febreiro. Un evento no que reunir docentes de todas as etapas e especialidades do ensino e construír estratexias para atallar a situación de emerxencia lingüística.
A asemblea está aberta a todo o corpo docente galego, con independencia da súa filiación sindical. O obxectivo, tal e como explicaron Comba Campoi, secretaria de acción sindical, e Miguel Paz Cabo, secretario de organización, é tecer estratexias conxuntas. Deste xeito, o sindicato quere mobilizar o profesorado galego de cara á manifestación que terá lugar o 23 de febreiro en Compostela, convocada por Queremos Galego, plataforma da que STEG forma parte.

A Asemblea organizarase en grupos de traballo para facilitar unha maior participación. Cada grupo debaterá a partir dun relatorio elaborado por catro persoas especialistas. O grupo de traballo centrado na etapa de infantil discutirá as propostas do relatorio redactado por Natalia Cea, educadora infantil e doutoranda en sociolingüística pola Universidade da Coruña, arredor das fórmulas para favorecer que as crianzas manteñan a lingua materna ou incorporen o galego na súa chegada ao sistema educativo. Maiuca Cortón, directora do CEIP de Outes, será a encargada de dinamizar o debate a partir deste relatorio.
O grupo de traballo dedicado á etapa de primaria debaterá arredor das propostas elaboradas por Manuel Bragado, pedagogo e docente, alén da súa dilatada experiencia no eido editorial. Lois Pérez facilitará o debate arredor destas e doutras ideas para favorecer unha maior presenza do galego nos patios e nas aulas dos centros de primaria.
O terceiro grupo de traballo xirará arredor da situación da lingua nas etapas de secundaria, bacharelato e FP. O profesor Miguel Rodríguez Carnota, experto nos procesos de abandono do galego na adolescencia, asumiu a encomenda de elaborar o relatorio ao partir do que debaterá este grupo de traballo, que será moderado por Valentina Formoso, docente e autora de distintos traballos sobre o galego no ensino.
Por último, o cuarto grupo de traballo partirá do relatorio elaborado por Filipe Díez, profesor de lingua galega e portuguesa, arredor da potencialidade da lingua de alén Miño como elemento normalizador do galego. A docente Antía Cortizas facilitará o debate arredor das fórmulas para incrementar a presenza da lingua e da cultura portuguesas nos centros educativos.
As conclusións dos catro grupos de traballo poranse en común no plenario da tarde do domingo, onde se tentará trazar unha folla de ruta que marque as liñas de acción colectivas do profesorado para contrarrestar a actual situación de emerxencia lingüística.
Comba Campoi recoñeceu que para contrarrestar a actual perda de falantes entre as capas máis novas da poboación é precisa unha mudanza normativa, que pasa necesariamente pola derrogación do Decreto 2010.
Lembrou que en 2020 o STEG foi unha das entidades asinantes da Proposta de bases para a normalización do ensino en Galiza, na que se recollía un modelo lingüístico novo para favorecer que todo o alumnado rematase a súa escolarización obrigatoria sendo competente nas dúas linguas oficiais, algo que na actualidade non está a acontecer.
Miguel Paz, responsable de Organización, explicou que a xuntanza terá lugar na Casa do Taberneiro, espazo sociocultural privado, durante todo o domingo 9 de febreiro. O número de persoas inscritas está a superar todas as expectativas, superando o cento de docentes de distintas etapas educativas, tanto afiliadas ao STEG como doutras organizacións.
Nas pasadas semanas o sindicato mantivo xuntanzas con representantes de dúas das asociacións galegas con máis proxección social na defensa da normalización da lingua galega. Dunha banda, no encontro con Jon Amil e Manuel Simón, presidente e vicepresidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL), as representantes do STEG comentaron a importancia que está a ter o ensino do portugués como segunda lingua optativa na secundaria para normalizar o uso do galego.
Tanto STEG como AGAL consideraron importante que a oferta de portugués como lingua estranxeira se estenda a máis centros, así como que se incremente a presenza desta lingua irmá nos centros educativos, a través de actividades complementarias, adquisicións bibliográficas ou o intercambios culturais, entre outras propostas previstas pola Lei Paz Andrade. O desenvolvemento efectivo desta norma, aprobada por unanimidade do Parlamento de Galiza en 2014, é outra das reivindicacións compartidas polas dúas organizacións.
Pola outra banda, na reunión mantida co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceiras, as representantes do STEG presentaron o programa da asemblea. Ambas organización concordan en que o profesorado constitúe un actor fundamental no movemento social que pode contribuír a normalizar o uso do galego entre a infancia e a adolescencia galegas. Dada a gravidade da situación actual é necesario activar a todos os sectores sociais para conseguir que se produza unha mudanza nas “políticas lingüicidas” da Consellaría de Educación.