[columns]
[column size=”1/2″]A plataforma denuncia que producen desgarros e parten dentro do corpo dos pacientes[/column]
[column size=”1/2″]Fonte: Plataforma SOS sanidade Compostela[/column]
[/columns]
Santiago, 08/09/2016 – A plataforma SOS sanidade Compostela leva ao xulgado as autoridades e aos funcionarios da Consellería de Sanidade por un delito de lesións e faino presentando o seguinte escrito que nos fixeron chegar:
Que, ao abeiro do artigo 265 do Real decreto do 14 de febreiro de 1882, que aprobou a Lei de axuizamento criminal, formula DENUNCIA polos delitos de LESIÓNS do artigo 147 do Código penal contra as autoridades e funcionarios da CONSELLARÍA DE SANIDADE, con enderezo no edificio administrativo de San Lázaro, s/n – 15703 Santiago de Compostela, que, após a preceptiva investigación, aparezan como responsábeis dos feitos que a seguir se relatan:
FEITOS
PRIMEIRO. Os centros de saúde entregan aos doentes diabéticos agullas descartábeis para a administración de insulina mediante plumas precargadas, para a súa auto-inxección. Para que a insulina se absorba correctamente debe inxectarse, preferibelmente, no tecido subcutáneo do abdome, onde se demostrou unha máis rápida absorción, en coxas ou brazos. Por tanto, unha correcta escolla do tamaño da agulla é fulcral para conseguir un tratamento efectivo e seguro.
SEGUNDA. No caso do Servizo Galego de Saúde, as agullas para pluma de insulina proporcionadas aos doentes están fornecidas pola empresa Prosaga, S.L., actualmente en virtude do contrato administrativo adxudicado mediante Resolución do 9 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Económicos (DOG n.º 8, do 14 de xaneiro de 2015), pola que se fai pública a formalización da contratación da subministración sucesiva de agullas de insulina con destino ás estruturas de xestión integrada (expediente MI-SER1-14-005).
TERCEIRO. As agullas proporcionadas polo Servizo Galego de Saúde presentan constantes problemas de seguridade, con eventos adversos e complicacións como as seguintes:
Non enroscan ben na pluma, o que provoca fugas ou derrame de insulina e polo tanto a administración dunha cantidade inferior á necesaria, con mudanzas no control metabólico, como hiperglucemias ou hipoglucemias.
Dóbranse, causando desgarros ao retirarse do corpo. Isto provoca dor intensa, sangramentos, hematomas, abscesos e inchazo.
Parten dentro do corpo do doente, requiríndose en moitas ocasións intervencións cirúrxicas para extraer a agulla.
Producen edemas en doentes que, en moitos casos, deben auto-inxectarse insulina dúas ou tres veces ao día.
Aparte dos problemas físicos, están os psicolóxicos (nenos con medo a pincharse polo dor, etc.)
CUARTO. As complicacións descritas son de sobra coñecidas polas autoridades da Consellaría de Sanidade, ao teren sido reiteradamente evidenciadas polas asociacións de diabéticos e a Plataforma S.O.S. Sanidade Pública, mediante denuncias á Valedora do Pobo e preguntas formuladas no Parlamento de Galiza a través dos grupos parlamentarios.
QUINTO. No caso do denunciante (e no de outras persoas que usan as agullas), o uso das mesmas, proporcionadas polo Servizo Galego de Saúde causáronlle os seguintes danos e lesións:
Dor, inchazóns e hematomas, perda de insulina pola mala calidade das agullas. Outras lesións, aparecen documentadas, nos seguintes escritos (achégase copia):
Radiografía agullas rotas no abdomen dunha paciente.
Denuncias similares a ésta, de moit@s pacientes diabétic@s, ca sua problemática persoal, ante a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela.
Queixa ante a Valedora do Pobo da Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela. Requerimentos da Plataforma SOS, a Consellería de Sanidade.
Os feitos anteriores poderían ser constitutivos de delitos de lesións, tipificados no artigo 147 do Código penal.
Polo exposto,
SOLICITA AO XULGADO: Que teña por presentado este escrito, coas súas copias e documentos anexos, admitindo a presente denuncia e acordando a súa tramitación coa maior urxencia, a fin de investigar os feitos denunciados para esclarecer as eventuais responsabilidades penais que deles dimanan.