Compostela, 5 de xuño do 2018 – O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou unha iniciativa relacionada co aproveitamento da contorna do estadio de San Lázaro, cara ao Parque de Carlomagno e o polígono das Fontiñas, como aparcamento disuasorio da cidade.
Hernández explicou que o uso de estas zonas como aparcadoiro disuasorio sería de grande relevancia para Santiago, xa que cunha boa conexión co transporte urbano contribuiría a aliviar o tráfico da cidade, dada a súa situación nas aforas, próxima e ben comunicada co periférico (a vía SC-20) e a autoestrada do Atlántico.
Esta infraestrutura achegaría unha oferta de 1.500 prazas, un número que case duplica as ofrecidas na actualidade entre os aparcamento disuasorios de Salgueiriños, Santa Marta, Pontepedriña e a veciña superficie situada entre o Camiño Francés e o Palacio de Congresos. O responsable do Grupo Municipal Popular insistiu en que sería de gran utilidade de cara ao Ano Santo de 2021 e podería ser tida en conta, ademais, para contribuír á celebración de distintos actos, máxime tendo en conta as posibilidades do propio estadio e dos seus arredores.
Agustín Hernández subliñou que a proposta de reactivar esta zona para aparcamento disuasorio podería contar, ademais, coa colaboración financeira da Deputación ou da Xunta de Galicia, tendo en conta que a Administración autonómica ten entre os seus obxectivos a promoción da creación ou habilitación deste tipo de superficies no contorno das grandes cidades, como o constata a redacción hai varios anos dun plan sectorial específico con esta finalidade.
Está área abarca unha superficie dunhas 2,8 hectáreas que, desde a posta en servizo da instalación deportiva en 1993, foi destinada a aparcamento público, no que se teñen delimitado unhas 1.500 prazas para vehículos. Hernández destacou que, nos últimos anos, este espazo deteriorouse de forma significativa e o seu estado resulta alarmante. Para Agustín Hernández, esta situación fai necesario adoptar medidas canto antes, co fin de mellorar a frecuencia na súa limpeza; evitar que continúe a súa degradación; e se recupere a súa funcionalidade, poñendo en valor un espazo que, ademais do seu uso vinculado aos vehículos, numerosas persoas empregan as súas vías para o deporte e o paseo e, ademais, podería ter outras utilidades.
Con todo isto, Hernández indicou que os Populares instarán ao Goberno de Martiño Noriega no vindeiro Pleno ordinario deste mes que se proceda a incrementar a frecuencia dos labores de limpeza nesta área; que se planifique e execute, polos propios medios ou coa colaboración doutras institucións, unha actuación integral de rehabilitación desa área para poñela en valor, contemplando a posibilidade de dotala dos servizos necesarios para convertela nun novo aparcamento disuasorio para a cidade.
