Compostela, 12 de xaneiro do 2021 – Paul Daniel dirixe a Real Filharmonía de Galicia na estrea de “Gratulantes”, un encargo feito á compositora galega Sofía Oriana.
O concerto semanal da Real Filharmonía, este xoves, poderá seguirse en directo polas canles de Youtube e Facebook da orquestra. O primeiro concerto non se retransmitirá e o segundo comezará as 20:45.
Baixo o título “Ou paraíso perdido”, o concerto abrirase coa estrea en España de Dark, with excessive bright da estadounidense Missy Mazzoli (1980). O título da obra, “Escuro, con brillo excesivo”, fai referencia a unha descrición de Deus extraída do poema “O paraíso perdido” de John Milton, na que se inspirou a compositora para describir o son escuro pero desgarrador do contrabaixo. A obra será interpretada polo contrabaixista principal da Real Filharmonía de Galicia, Carlos Méndez.
Apoio aos novos compositores galegos
O concerto continuará coa estrea absoluta da obra Gratulantes, que a compositora galega Sofía Oriana Infante (Santiago, 1989) escribiu por encargo da Real Filharmonía de Galicia, en consonancia co propósito da RFG de promocionar a novos compositores da comunidade e á creación contemporánea. Esta liña de encargos de temática galega conta ademais co apoio do Xacobeo.
Tal como indica a compositora, a obra, cunha duración aproximada de dez minutos, está inspirada na celebración do Ano Xacobeo. “Por iso escollín unha peza do Códice Calixtino, Gratulantes celebremus festum, sobre a que traballei. A composición desenvólvese mediante unha estrutura reiterante, similar a un roldou, nun único movemento” explica. Infante sinala que o estilo desta peza é similar ao de In memoriam, estreada pola Real Filharmonía de Galicia en 2019. “A forza enérxica das cordas achega texturas densas e agres, que contrastan co carácter alegre e festivo dos ventos. O oínte poderá percibir influencias compositivas moi distintas fiadas de forma coherente e sempre con referencias simbólicas persoais ocultas como adoito facer en todas as miñas obras” -destaca a nova compositora-.
Sofía Oriana Infante é autora da banda sonora de diversas películas, entre elas Elisa e Marcela de Isabel Coixet. Comezou os seus estudos musicais aos oito anos no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Ampliou a súa formación en Oviedo, onde estudou Composición; e logo trasladouse á Universidade de Kingston en Londres para realizar un Máster en Composición para Cinema e Televisión. Na actualidade cursa o seu Doutoramento sobre a Intelixencia Artificial como ferramenta compositiva e o Grao en Historia e Ciencias da Música, alternando con períodos de docencia en conservatorios e escolas primarias.
A “Sinfonía nº 8” de Dvorák poñerá o broche final
O concerto concluirá coa Sinfonía nº 8 de Antonín Dvorák (1841-1904), unha composición inspirada na música tradicional bohemia.