Continuarán no concello, previsiblemente como non adscritos, apoiados por un escrito que levan asinado máis de 800 persoas de dentro e fora do partido
O PSdeG sempre tivo problemas para xestionar as críticas internas, e sempre tivo unhas poucas ou moitas dependendo do momento. O caso dos socialistas expulsados en Compostela é das peor xestionados en décadas

Ninguén quere falar de que todos os implicados en este asunto estaban na mesma lista electoral. Os expulsados, os que se quedan, os que queren entrar e mesmo algúns que xa se foron. O percorrido desde a campaña ata o momento actual da para un romance a cantar polas rúas da cidade.
A expulsión é contestada desde estes concelleiros reivindicando nun comunicado o seu socialismo “Somos socialistas. E iso non hai resolución nin decisión de organización algunha que o poida cambiar”.
O apoio recibido de moitos militantes é un bo sustento para acudir á xustiza ordinaria, máis alá do resultado de esa aventura. En calquera caso a historia continúa xa que como din “nós, seguiremos a defendelos co noso traballo no Concello de Santiago de Compostela ata o 2027, cumprindo o compromiso acadado coas nosas veciñas e veciños que nos apoiaron nas últimas eleccións locais”.
A carta está aberta á cidadanía e pode asinala quen queira no seguinte enlace https://tinyurl.com/2clvh4ep
Desde o partido prefiren calar ou facer declaración a certos medios moi concretos, non sexa que as preguntas non teñan moita resposta. Que o ex ministro Ábalos sega sendo militante mentres os catro concelleiros están xa na rúa ten unha difícil xustificación. Exemplos na historia socialista en Galicia que contradigan o sucedido en este caso hai abondo tamén.
Os expulsados aclaran o camiño que teñen por diante “acudiremos á xustiza ordinaria vía civil e incluso penal. Farémolo por dignidade, para defender a nosa integridade e, sobre todo, porque non estamos dispostas a permitir que de forma arbitraria alguén decida quen pode ou non ser socialista en función das súas preferencias persoais”.
A parte práctica de toda esta liorta é para o goberno municipal. As negociacións con este catro concelleiros xa viñan sendo ao marxe do partido pero este modelo formalízase. Os que quedan no grupo, Sindo Guinarte e Marta Abal, terán que seguir as indicacións do partido ao tempo que intentan recuperar o apoio dos 800 asinantes, un difícil equilibro.
Tamén pode que algún, ou os dous, decidan irse a casa e facilitar a entrada de Aitor Bouza no concello. Sería un xeito de comezar esta nova tempada garantindo titulares nos xornais, sexan os que sexan.

