Silleda, 16 de abril do 2019 – O polígono industrial Área 33 de Silleda contará antes de que remate o ano co ansiado viveiro de empresas na parcela de titularidade municipal.
A Xunta de Galicia comunicou a resolución da subvención, polo máximo subvencionable, un total de 240.000 euros, ao proxecto de viveiro de empresas presentado polo goberno municipal, o único de toda a provincia de Pontevedra das 9 iniciativas aprobadas.
O alcalde, Manuel Cuiña, amosou a súa satisfacción por esta achega “que nos permitirá continuar mellorando o polígono industrial como xa vimos facendo nos últimos anos a través das liñas de subvención da Administración autonómica, e que virá a dar resposta a unha das grandes demandas do colectivo de empresarios”, engade.
O rexedor confirmou que a obra se executará pese a que os prazos son axustados (deberá de estar rematada a finais de outubro), “pero xa demostramos coa execución doutras obras como a Rede de Calor, sendo os únicos que nos atrevemos a materializar proxectos desa convocatoria en Galicia, que estamos en disposición de asumilo”, engadiu.
Para Cuiña, o feito non só de recibir a cantidade máxima subvencionable, senon tamén de ser o único proxecto da provincia de Pontevedra, “demostra que as cousas se fixeron ben, e que non vendemos fume, como afirmaba o voceiro do PP silledense ao que tanto xogo lle de unos últimos meses esta actuación”, di o rexedor.
Cuiña lamenta “que pese ás explicacións que demos no seu momento, o PP seguira erre que erre criticándonos nos últimos meses por renunciar no seu momento a unha axuda de 20. 849 euros, o que non chegaba nin ao 10% do total do traballo. Se non fora así, agora sí que teriamos perdido 210.000 euros”, indica o alcalde lembrando que “o señor Maril nos acusou no seu día de actuar con incapacidade e deixadez na tramitación deste proxecto, e vendo como pleno tras pleno seguía coa letanía dos requerimentos….. “
“Esperamos que esta resolución lle sirva ao voceiro do PP para ilustrar , dunha vez por todas, a boa xestión e o traballo que se está a facer dende o Concello de Silleda, e por suposto a capacidade dos técnicos municipais que redactaron e tramitaron o proxecto, algo que tamén tristemente vén poñendo en dúbida nos últimos tempos”, engade.
Un proxecto de máis de 350.000 €
O proxecto presentado polo Concello de Silleda conta cun edificio na parcela municipal situada xunto á rotonda do parque, que se levantará integrándose coa actual nave municipal sita nesta parcela. Este novo edificio serviría como sede para novas empresas tecnolóxicas ou de servizos, permitindo a persoas emprendedoras a posibilidade de contar cun espazo de traballo.
Do mesmo xeito, tamén se plantexa como lugar de encontro e reunión entre distintos profesionais.
O novo edificio proxéctase cunha estrutura de planta baixa, en forma de “L”, e adxacente á nave que xa existe na parcela municipal, xunto á rotonda do parque empresarial.
O deseño permitiría incluso unha futura ampliación cunha nova planta nunha seguinte fase.
O proxecto contempla espazos como unha cafetería, vinculada ao acceso principal, despachos para as empresas, salón de actos, e aseos accesibles.
“Plantéxase a construcción dunha estrutura modular que permitiría, se fose necesario, ir ampliando o edificio para acoller novos servizos”, indica o alcalde Manuel Cuiña. O orzamento estipulado no proxecto e de 349.085 euros.
