Bisbarra, 20 de xuño do 2023 – A parroquia de Siador, en Silleda, celebrará este vindeir domingo a 33 edición da Romaría da Rapazada.
O recinto da Saleta en Siador acollerá actividades para todos os públicos. Unha festa que comezará ás once da mañá en que estará integramente dedicada aos cativos. Obradoiros, inchables, ou actividades multiaventura centrarán a xornada.
Entre os obradoiros figuran un de tatuaxes temporais, de maquillaxe, de chapas, animais móbiles, de pins con forma de pandeireta. Tamén haberá un dedicado ao mundo mariño e ao verán que coordinará a Anpa Raparigos.
Os nenos que se acerquen a Siador poderán desfrutar este ano con outras actividades pedagóxicas como o espazo ludoteca, centrado nos máis pequenos, da que se encargará a entidade AUPA Pais Azuis de Deza. Un puzzle xigante ou un karaoke serán algúns dos elementos de esta zona.
Gran tirolina e tobogán acuático
En canto ás actividades multiaventura a Romaría do Rapaz contará de novo cunha tirolina de grandes dimensións, con 100 metros de percorrido e un tobogán acuático. A zona multiaventura terá ademais un rocódromo, e 4 xogos hinchables, así como bolas zorbing.
Animación do recinto
Durante a xornada a animación chegará da man da Superpandi, con personaxes de Disney.
Haberá tamén unha caseta de información aberta durante toda a xornada con pulseiras localizadoras, e material conmemorativo deste certame. Tamén se sortearán agasallos entre os nenos e nenas participantes.
Fin de festa con Odaiko
A Romaría do Rapaz de Siador rematará co espectáculo final no anfiteatro do recinto, a cargo de Odaiko Percusión co titulo Vaia Ritmo!, no marco do programa Cultura no Camiño.
Dende o Concello de Silleda, que organiza este evento, agradécese a inestimable colaboración dos Padres Saletinos e da veciñanza de Siador, así como das asociacións e colectivos colaboradores.
Así mesmo, tamén se fai un chamamento á colaboración das persoas asistentes á hora de aparcar (lémbrase que hai aparcamentos de balde no entorno do recinto) e respectar a sinalización en canto a circulación do tráfico na zona
O recinto volverá a contar con servizo de bar e xantar. Haberá mesas e sillas a disposición das persoas e grupos que queiran xantar na carballeira do recinto durante a xornada.