Silleda, 22 de xuño do 2018 – As obras da Rede de Biomasa de Silleda comezarán a vindeira semana despois de que o alcalde firmara o contrato coa firma adxudicataria.
As obras da rede de biomasa suporán unha inversión de case 800.000 euros e están financiadas nun 80% polo INEG e o 20% con fondos municipais. A planta de produción situarase no terreo que o Concello de Silleda adquiriu á Fundación Semana Verde (cos fondos correspondentes ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra), preto do recinto feiral.
A rede subministrará calefacción e/ou auga quente sanitaria o pavillón deportivo César Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul, a Residencia e Centro de Día de Maiores e o Hotel Vía Argentum. Trátase dun proxecto pioneiro en Galicia, que se converterá na primeira rede público-privada deste tipo na nosa comunidade.
O prazo de execución das obras é de tres meses, polo que deberán de estar rematadas a finais do vindeiro mes de setembro. A rede de calor terá unha potencia de 1 megawatio e na primeira fase colocaranse case 2 kilómetros de tubaria preasilada. Na segunda fase conectaranse á esta rede de calor outros edificios como a actual Casa da Cultura, a Escola de Música o CEIP de Silleda ou a Oficina Agraria Comarcal.
O alcalde, Manuel Cuiña, explica que “Con esta iniciativa deixaran de expulsarse ao medio nesta primeira fase 342 toneladas de CO2 ao ano, e 380 toneladas no segundo”. O aforro económico será de 81.000 euros ao ano respecto ao consumo anual, e de 93.000 euros cando esté lista a segunda fase. A idea é que no futuro calquera usuario privado se poida enganchar.
Aproveitamento da biomasa
Esta iniciativa daría tamén paso a creación dunha planta en Silleda para o procesado da astilla. “É un proxecto ambicioso que culmina a nosa aposta por enerxías limpas que vimos realizando nos últimos anos coa dotación de caldeiras de biomasa en edificios municipais ou placas fotovoltáicas, entre outros”, explica o alcalde.
