Silleda, 7 de xuño do 2021 – O concello de Silleda recupera a Romaría do rapaz de Siador cun formato reducido adaptado a situación de crise sanitaria actual.
A Romaría do Rapaz celebrarase o domingo día 27. Contará con só dúas actividades, unha carreira de orientación e un espectáculo aéreo de circo.
A carreira será a segunda vez que se celebre tras o éxito que tivo no 2019.. A proba discorrerá polo entorno de Siador, onde se atopan lugares emblemáticos como a sobreira, unha das árbores senlleiras de Galicia, ou o pazo de Sestelo. O alcalde, Manuel Cuiña, a concelleira de Cultura Mónica González, e Ricardo Figueroa, de Xesta Natureza, presentaron a proba desta Romaría do Rapaz, bautizada este ano como “cativa”, en alusión ao formato reducido de actividades.
As inscricións para a proba , de balde para os participantes, poden facerse de xeito individual ou en grupo. O prazo está xa aberto e rematará o vindeiro xoves día 24.
As persoas ou familias interesadas poden inscribirse a través da web de Xesta Natureza ou ben no propio Concello, chamando ao teléfono 986 580000 (no departamento de Cultura).
A actividade consistirá en visitar no tempo establecido todas as balizas na orde en que se indicará no mapa. As inscricións en grupo poderán contar con ata 4 participantes .
A proba comezará ás 11:00 horas e contará con 3 categorías: “xestiñas”, categoría para nenos e nenas, sinxela física e tecnicamente (menos de 4 kms.); “xestas”, para adultos, con nivel físico e técnico medio (menos de 6 kilómetros en total) e “xesteiras”, para persoas con medios/altos coñecementos de orientación e cun nivel físico e técnico alto (máis de 6 kilómetros en total).
As saídas serán escalonadas no tempo, non saíndo en ningún momento máis de dúas persoas ou equipos no mesmo minuto, cuestión que tamén vén a garantir as medidas de prevención a nivel sociosanitario.
A organización facilitará unha tarxeta electrónica para rexistrar o paso por cada unha das balizas e ao rematar a proba darase ás persoas participantes un avituallamento líquido.
Lémbrase que é obrigatorio en todo momento o uso da máscara, salvo no propio intre do desenvolvemento da actividade (dende a saída ata a chegada). A organización facilitará ademais xel hidroalcólico para quen o desexe.
Promoción nos centros educativos
Nos vindeiros días está previsto realizar nos centros educativos do municipio sesións informativas sobre as actividades de orientación, unhas probas que fomentan cuestións como a toma de decisións, e que na que traballan conceptos coma a capacidade de concentración, de observación ou a interpretación de mapas entre outros.
Do mesmo xeito, con esta proba o domingo 27 tamén se poñerá en valor os elementos patrimoniais e espazos naturais de Silleda, fomentando así mesmo o respeto polo medio ambiente.
Acrobacias con “Desastronauts”
Xa pola tarde, ás 19 horas, chegará ao anfiteatro de Siador o espectáculo “Máis alto ainda”, a cargo de Desastronauts, a máis espectacular compañía de aéreos de Galicia.
Desastronauts volven co seu exitoso dúo de acrobacias aéreas, humor e enredos de parella no aire con números de tan altísimo nivel como trapecio en voo
Raquel Veganzones e Girisho Gordon, ambos graduados na The Circus Space de Londres, son os protagonistas desta aposta para completar a xornada en Siador.