Un informe do arquitecto técnico municipal advirte do risco de derrubamento no muro oeste do claustro do mosteiro de Carboeiro

O mosteiro beneditino de Carboeiro é unha das moitas xoias do patrimonio da bisbarra de Compostela. Situado en Silleda data do século X aínda que foi entre os XI e XIII cando viviu o seu maior esplendor.
Durante o pasado século acometéronse distintas reformas que manteñen unha parte de Carboeiro en bastante bo estado pero unha peza coma esta precisa sempre de arranxos e mantementos. O riso de derrube que agora aparece é mostra da necesidade de coidar o noso patrimonio, este en particular pero todo en xeral.
O Concello de Silleda vén de ordenar o valado e o peche preventivo da zona oeste do claustro do Mosteiro de Carboeiro, tras constatarse un risco inminente de derrubamento do muro segundo o último informe técnico emitido polo arquitecto municipal.

O documento indica que o muro presenta unha inclinación e un desprazamento estrutural cada vez máis acusado, e recomenda o apuntalado inmediato por ambas as caras, así como a delimitación dunha área de seguridade no acceso principal ao recinto visitable.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, sinala que o Concello “actuará con responsabilidade e coa máxima prudencia, para garantir a seguridade das persoas”, procedendo ao valado do perímetro afectado e á solicitude de orzamentos a empresas especializadas para o apuntalamento. Estas vallas serán retiradas en cando se execute o apuntalamento do muro, actuación para a que o Concello de Silleda xa solicitou orzamento.
Estas medidas de carácter preventivo obrigarán a restrinxir o acceso á zona do claustro e ás súas inmediacións, polo que se estudiará a necesidade de reubicar temporalmente a Oficina de Turismo Rías Baixas, situada no mesmo recinto. A igrexa e o resto do conxunto monumental poderán seguir visitándose.
Unha demanda dende 2018
Fernández Pena lembra que o Concello leva dende o ano 2018 trasladando á Administración autonómica a necesidade de acometer actuacións de conservación neste muro que rodea o claustro do mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) de Galicia en 1931, á vista do seu progresivo deterioro.
“Carboeiro é un símbolo de Galicia e un referente patrimonial que debemos coidar entre todas as administracións. Por iso, pedimos á Xunta a súa colaboración para garantir a conservación deste espazo único e seguir avanzando na execución do Plan Director do mosteiro”, apuntou.
O Concello notificou oficialmente á Consellería de Cultura, á Deputación de Pontevedra -que ten no mosteiro unha das oficinas da Rede Info Rías Baixas, e tamén ao Opispado de Lugo, como entidade propietaria do templo, a adopción destas medidas de seguridade, que se executarán de forma inmediata co apoio da Policía Local e do persoal municipal, garantindo en todo momento a protección do público visitante e do monumento.
