Silleda, 10 de novembro do 2021 – O concello de Silleda pedirá á veciñanza a súa colaboración no plan de emerxencia ante a situación de Seca que está a elaborar.
O concello ven de ser adxudicatario dunha axuda, dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de 13.842,40 euros para a redacción de dito proxecto. Unha subvención solicitada polo departamento municipal de Medio Ambiente co fin de proceder á redacción do documento.
A través deste documento, as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á pequenas e medianas poboacións, contarán cun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca. O obxectivo é mellorar o sistema de abastecemento, fronte ás secas nun contexto de cambio climático. A colaboración da cidadanía para o deseño é outra das premisas de estes documentos.
Para abrir o proceso á participación da veciñanza, estase a realizar unha enquisa á poboación, a fin de coñecer a percepción que a veciñanza de Silleda ten sobre a seca. Ademais do envío de correos a negocios e empresas, tamén se colgará na web municipal un banner onde os veciños e veciñas poderán participar na enquisa cidadá. A concelleira de medio ambiente, Pili Peón, explica que
“Agardamos que a veciñanza colabore para conseguir mellorar a calidade da auga e paliar os efectos adversos das secas nos sistemas de abastecemento”.
Os Plans municipais de emerxencia ante situacións de seca son un instrumento básico para a xestión destes episodios a nivel de concello. Definen os protocolos de actuación no ámbito local, establecen as medidas necesarias para garantir o subministro de auga á poboación en caso de seca e fomentan o emprego eficiente dos recursos hídricos.
“O Concello de Silleda, aínda tendo cubertas as súas necesidades de abastecemento non é alleo a este problema que cada vez pode ser mais frecuente (recordemos os graves incendios do 2017 e as súas consecuencias para os nosos veciños e veciñas) e polo tanto considera de sumo interese contar con un documento municipal que sirva como instrumento de cara a tomar medidas para evitar e minorar os períodos de seca e no caso de habelos contar con un protocolo claro de actuación”, indica Pili Peón.