Silleda, 17 de abril do 2019 – O vindeiro venres día 26 celebrarase en Silleda unha nova edición de Libros na rúa, o mercadiño solidario de libros que se complementará con distintas actividades.
Ao igual que en anos anteriores vendenranse exemplares de segunda man a un prezo unitario de 1 euro. Libros na rúa está enmarcada no programa cultural con motivo do Día do Libro, está organizada dende a Concellería de Educación, que dirixe Pili Peón.
A cita conta cunha dobre vertente; ademais de ser unha aposta educativa e relacionada coa promoción da lectura tamén terá un carácter solidario, xa que a totalidade da recadación se destinará ao programa municipal Silleda Solidaria, que atende ás familias con menos recursos.
O certame terá lugar na praza da Igrexa de Silleda, dende as 11:00 horas. Alí estarán colocados varios postos onde o público poderá adquirir os exemplares usados á venda.
Participan neste certame os centros educativos e Anpas, que abrirán os stands para a venda dos exemplares.
Actividades durante a xornada
Ademais da venda de libros, tamén se celebrarán actividades ao longo da xornada. Así durante a mañá haberá obradoiros de chapas, colgadores para portas, imáns….
Tamén pola mañá haberá dúas sesións de contacontos para o público (ás 11:30 e ás 12:30 horas= e pola tarde, ás 18:15 chegará o espectáculo Conta e Canta, que en caso de choiva se trasladará á Casa da Xuventude.
Dende o goberno municipal agradécese a implicación dos centros e das Anpas nesta cita “coa que ademais de fomentar a lectura entre os máis novos, estamos a axudar a moitas familias que o precisan”. Tamén se anima ao público a secundar a proposta de Libros na rúa acudindo nesta xornada a mercar libros.