Bisbarra, 29 de agosto do 2022 – Nas vindeiras semanas o concello de Silleda comezará os traballos de mellora e accesibilidade do Sendeiro do Deza, un dos primeiros en galicia en ser homologados.
O roteiro discorre dende a Fervenza do Toxa, na parroquia de Pazos, ata o mosteiro de Carboeiro, con algo máis de 6 quilómetros de lonxitude. A mellora do Sendeiro do Deza ten como obxectivo solucionar unha serie de deficiencias recuperando o seu estado orixinal e realizando melloras en materia de seguridade, accesibilidade e completando e repoñendo a sinalización existente.
A actuación, cun orzamento de máis de 46.000 euros, vén ademais de recibir o visto bo da Xunta de Galicia, no marco das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos da Rede Natura 2000, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Así, o proxecto financiado a súa maior parte con fondos municipais, contará tamén cunha axuda de 20.000 euros repartidos en dúas anualidades (nesta e no ano 2023).
Para o acondicionamento do sendeiro retiraranse pavimentos pouco apropiados e mellorarase o sistema de evacuación de auga, colocando chanzos adicionais nas zonas de máis pendente, reparando ademais escaleiras e creando unha pequena plataforma/observatorio .
Tamén se instalarán dos novos paneis informativos sobre o roteiro e o seu entorno único e se reporán as varandas de madeira danadas polo paso do tempo.
Búscase ademais preservar o carácter natural do lugar mediante unha mínima intervención, con materiais e sistemas construtivos acordes co ámbito que se integrarán na contorna de forma respectuosa.
Observatorio
O proxecto propón tamén, a modo de miradoiro, crear unha pequena plataforma observatorio nunha zona intermedia da senda, para que as persoas visitantes poidan achegarse a contemplar os valores do espazo natural dun xeito ordenado e compatible. Neste senso, a plataforma de madeira irá asentada sobre unha rocha de gran tamaño, permitindo observar outra perspectiva da ribeira do río e da concatenación de saltos ata chegar á Fervenza do Río Toxa.
A nivel funcional, esta dotación facilitará tamén un uso ordenado do sendeiro, permitindo o cruzamento das persoas que transitan polo sendeiro. O tramo que se busca recuperar con esta actuación comeza ao pé da Fervenza do Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, e discorre pola beira do río durante aproximadamente 260 metros ata a coñecida como Ponte de Ferro, que une o municipio co veciño Concello de Vila de Cruces en Merza.
Esta senda foi acometida no seu día pola Consellería do Medio Ambiente, nos anos 90, realizándose despois dende o Concello de Silleda diversas actuacións de recuperación.
“Trátase dun dos tramos máis fermosos deste roteiro, no que ademais do espectacular salto do Toxa, hai outros máis pequenos, pozas e zonas de penedos que paga a pena contemplar, e que ten ademais un alto valor paisaxístico nunha zona con gran biodiversidade”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
O sendeiro está situadono Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Sistema Fluvial Ulla-Deza, dende decembro do ano 2004.
Deste xeito o Concello de Silleda segue acondicionando e mellorando distintos espazos e enclaves naturais que constitúen un reclamo na oferta turística do municipio. Así, nos últimos anos, tamén se creou o roteiro da Fervenza de Férveda e outro na Fervenza de Santa Mariña, en Graba, tamén ca creación dun miradoiro.