Silleda, 17 de agosto do 2021 – Tras anos de espera o concello de Silleda ven de acadar a resolución de Augas de Galicia que legaliza a traída de augas e desbloquea o avance do PXOM.
A legalización da traída de augas de Silleda e Bandeira era unha das cuestións esixidas dende a Administración autonómica para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM.
O alcalde, Manuel Cuíña, explica que “Levamos varios anos agardando a que chegara a resolución para legalizar as traídas municipais, unha cuestión que despois da aprobación provisional do plan supoñía o principal escollo para contar co documento urbanístico”.
Unha sentenza do Tribunal Supremo anulou hai uns anos os planeamentos de Verín e Monterrei. Seguindo as directrices deste fallo xudicial, a Consellería de Medio Ambiente e do Territorio, esixiu no 2017 a Silleda garantir no planeamento a reserva de recursos hídricos, cuestión que pasaba pola legalización das traídas municipais.
A resolución que vén de remitirse inclúe unha serie de condicionantes que, unha vez resoltos, suporá a legalización das traídas de Silleda, autorizada por varios ministerios no ano 1956, e a da Bandeira, que executou nos anos 60 a Confederación Hidrográfica.
“Unha vez legalizadas, agardamos que Augas de Galicia emita canto antes o seu informe sobre o PXOM de Silleda”, sinala Cuiña, o que suporá un dos últimos trámites para a aprobación definitiva do ansiado PXOM.
O planeamento silledense aprobouse provisionalmente en Pleno o 18 de marzo de 2016. Pouco despois, a citada sentenza e as consecuencias derivadas da mesma ralentizaron a tramitación, e en xaneiro de 2019, a Consellería do Medio Ambiente e Territorio denegaba a aprobación final.
“Agardamos que esta resolución e o informe que debe emitir o organismo Augas de Galicia sexa o principio do fin para conseguir un documento clave para o futuro do noso municipio”, remarca o alcalde.

