Silleda, 4 de febreiro do 2019 – O Concello de Silleda vén de rematar o proxecto para dotar cun parque de skate as localidades de Silleda e da Bandeira.
A instalación para o skate que se instalará permitirá tamén a práctica do BMX. Os parques situaranse en Silleda na praza de Juan Salgueiro e na Bandeira no entorno da praza da Feira. O alcalde, Manuel Cuiña, explicaba que “Con esta iniciativa viremos a dar resposta a unha petición case histórica dos veciños e veciñas máis novos deste municipio”.
A inversión total prevista para as dúas plataformas é de 39.438,53 euros. O proxecto foi remitido en días pasados á Administración Autonómica para concorrer á liña de axudas para crear e mellorar infraestruturas, dotacións, e instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, convocadas o pasado mes de decembro.
Contarán con soleiras para elementos de skateboard de aproximadamente 300 metros cadrados. Nestas plataformas, con distintos módulos, os nenos e mozos contarán cun recinto para practicar estas modalidades deportivas que requiren dunha serie de elementos para adquirir velocidade, elevarse ou dar saltos, entre outros.
O deseño destas instalacións, cun acabado colorista, é autoría dos arquitectos Martín Pereiras Corzón e Miriam Sánchez. O prazo de execución previsto para contar con esta dotación é de tres meses.
Ubicación nas prazas
No caso da pista de Silleda está previsto ubicala no entorno da praza da Juan Salgueiro, barallando como opción a parcela que o Concello adquirirá na rúa Antón Alonso Ríos.
Na Bandeira barallase como opción o solar cedido o pasado verán por un particular no entorno da praza da Feira. Dende o goberno municipal, Manuel Cuiña engade que estas novas dotacións “virán a completar a oferta de ocio e deporte para os máis novos de Silleda” e agarda que o proxecto se poida materializar no menor prazo de tempo posible.