Silleda, 3 de marzo do 2020 – A Garda Civil impediu unha concentración de matronas en Silleda, durante as probas de oposición do Sergas, tras comunicarlles que se lles denegara a autorización.
A concentración estaba convocada, diante do Recinto da Feira Internacional de Galicia, pola Asociación Galega de Matronas para denunciar a precariedade laboral de este colectivo. As matronas non entenden como é posible que a Subdelegación do goberno lles denegara o dereito a concentrarse cando o único que pretendían era despregar unha pancarta.
Desde a Agrupación querían denunciar as condicións laborais de extrema temporalidade á que se vén abocadas as matronas eventuais. Como exemplo poñen o dunha das traballadoras que leva, a esta altura, 11 anos e 31 días no SERGAS e acumula 53 contratos: 16 inferiores a 15 días; 22 de 1 ou 2 días e de 2011 a 2018, contratos por obra e servizo asinados cada 6 meses.
Ou doutra que leva a esta altura 3 anos e 9 meses no SERGAS con 2 anos e 2 meses de tempo efectivo traballado, sumando xa 64 contratos en 8 hospitais diferentes e en 3 provincias distintas: 22 deles de 1 día ou noite e 7 de máis de un mes.
260 contratos en 7 anos
E se a situación destas matronas parece insuperable, aínda é peor a de outra compañeira que tras 7 anos e 9 meses traballando en 2 Comunidades Autónomas, só suma de tempo traballado 4 anos e 5 meses, parte no SERGAS e acumula un total de 260 contratos en 4 hospitais e en 3 zonas de Atención Primaria. Deste enorme número de contratos, 221 foron de 1, 2 e 3 días e 12 contratos de arredor dun mes.