Silleda, 18 de febreiro do 2021 – Silleda vén de recibir confirmación de que non procede a declaración de incidencia ambiental para o proxecto de gasolineira no Barrio do Campo.
A comunicación chega desde a Consellería de Medio Ambiente e pon freo ás aspiracións da firma Plenoil de instalar unha gasolineira de autoservicio en Silleda.
Unidade de concello e veciñanza
O alcalde, Manuel Cuíña, informou da decisión da Consellería a representantes veciñais que, como o concello, presentaran alegacións ao proxecto. Segundo recolle a resolución, non procede a declaración deste trámite de incidencia ambiental en base ao informe de data 14 de xaneiro de 2021 asinado polo arquitecto municipal, no que se advirte que o uso solicitado non é compatible co Plan Xeral aprobado provisionalmente para o municipio de Silleda.
O alcalde engade que “Aínda que contra esta resolución cabe recurso, é unha primeira batalla ganada contra una instalación para a que sempre dixemos, ao igual que a veciñanza da zona, que non estábamos dacordo ca ubicación proposta”.
O Concello de Silleda, ao igual que moitos veciños da zona, presentou ademais deste informe unha alegación o pasado mes de xaneiro, centrándose en cuestións relacionadas coa afección ambiental nunha zona onde existen humidaís ou mananciais. Así mesmo tamén se considerará o feito da existencia dunha estación de servizo moi preto da ubicación proposta.
O modelo de autoservicio, sen persoal que atenda, tamén apunta cara a unha diminución da seguridade nunha actividade que require atención constante polo tipo de produtos que se subministran.
O alcalde indica que “Sempre dixemos que non nos gustaba a ubicación proposta, moi preto de vivendas e preto doutra estación de servizo. A postura deste goberno municipal é clara e contundente: trataremos de evitar con todos os recursos legais posibles que a gasolinera se ubique nesa parcela”.