Bisbarra, 2 de maio do 2023 – En poucos días poderá entrar en vigor o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM de Silleda despois de completarse a inscrición no rexistro de planeamento de Galicia.
O concello ven de recibir o certificado expedido pola Xunta de Galicia que acredita dita inscrición. Agora o PXOIM será remitido á Deputación para a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, trámite co que entrará definitivamente en vigor.
O PXOM fora aprobado definitivamente o pasado 23 de decembro, nun acto de firma no que asistiu a conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ángeles Vázquez. Esa aprobación incluía a anulación da Carballeira da Empanada como solo de desenvolvemento, un cambio do que non se informara ao consistorio.
O requerimento da Xunta foi solucionado readaptando o PXOM antes da súa publicación no rexistro de planeamento. Os técnicos redactores do Plan xunto cos servicios técnicos municipais e autonómicos reorganizaron todo o documento, que foi dilixenciado e remitido de para a súa última validación.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, agradeceu o traballo e o esforzo das e dos técnicos participantes neste proceso, tanto municipais como autonómicos, ao recordar todos os pasos e vicisitudes da tramitación, dende a aprobación inicial en decembro de 2012, pasando “por unha exposición pública modélica en todas as parroquias”, e a chegada da aprobación provisional en 2016, que foi denegada pola Xunta motivado pola sentencia que anulou os Plans Xerais de Verín e Monterrei, e que obrigaba a regularización das traídas municipais “un traballo duro e complicado que ralentizou o proceso”.
Superado este escollo, chegou a segunda aprobación provisional, resolvéndose definitivamente o pasado mes de decembro. “Botando a vista atrás só nos queda esquecer tanto anos de xestión técnica, atrancos e tramitacións burocráticas e celebrar que Silleda conta co instrumento co que crear mais solo industrial, construír vivendas no rural, ter novas zonas de edificación nos cascos e ampliar o solo para dotacións públicas e servicios”
O alcalde di sentirse moi honrado por ter participado tamén como Concelleiro de Urbanismo na tramitación deste documento, e agradeceu tamén o traballo de Klaus Brey e Pilar Peón que ocuparon esta carteira uns anos, pero fixo especial mención a Paula Fernández, quen ,” asumindo o cargo de concelleira de urbanismo, iniciou no seu día a tramitación do documento, e agora a finaliza”.