Bisbarra, 9 de setembro do 2022 – O concello de Silleda, coa colaboración do de Vila de Cruces, abre a inscrición no proxecto de formación Deza Circular.
Tratase dunha acción formativa en materia de aproveitamento forestal e turismo de natureza que ten o obxectivo principal de crear un emprego de calidade. Deza Circular está dirixido a desempregados de toda Galicia e desenvolverase desde este mes ata novembro.
A iniciativa inclúe formación práctica, orientación laboral e contacto con empresas innovadoras en economía forestal circular e o turismo sostible. A inscrición péchase o vindeiro luns e poden participar desempregados de calquera idade e con calquera nivel formativo previo.
Deza Circular divídese en tres partes comezando por Formación en aproveitamentos forestais e acondicionamento de espacios verdes. Este apartado formará no desempeño de perfís profesionais relacionados con actividades de conservación e mellora do monte e espazos verdes.
Deza Recupera ofrecerá prácticas específicas orientadas á empregabilidade en conservación forestal e turismo sostible. Ao mesmo tempo realizaranse accións de mellora e recuperación de espazos naturais protexidos da Rede Natura 2000 en Silleda, como As Brañas de Xestoso e o Sistema Fluvial Ulla-Deza.
Finalmente Deza Orienta: orientará e capacitará no eido laboral. Traballarase na motivación a empregabilidade e a busca de emprego, o acompañamento, a intermediación laboral e o auto emprego.
As dúas primeiras desenvolveranse polas tardes de forma presencial en Silleda, mentres que a acción de orientación laboral e capacitación para o emprego será polas mañás, en modalidade online e con unha duración flexible.
O proxecto conta con un orzamento de 78.336,20 € e está financiado polo programa Emplea Verde, de Fundación Biodiversidade, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Para a súa execución contarase coa colaboración do Concello de Vila de Cruces e da Fundación Roberto Rivas.
Presentación institucional o luns 12 de setembro
O próximo luns día 12 de setembro ás 11:00h. haberá unha presentación institucional do proxecto no Viveiro de empresas do Concello de Silleda, no Parque Empresarial Área 33.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, abrirá o acto e seguidamente o equipo técnico do proxecto explicará as súas características, para logo dar paso ó inicio das accións de orientación e capacitación laboral durante a mañá e as accións de formación teórico-práctica pola tarde.
As persoas interesadas en participar podrán facer a súa inscrición ata o 12 de setembro.
Inscricións
A inscrición pode facerse a través da páxina web do Concello de Silleda ou ben escribindo a emprego@silleda.gal.