Silleda, 5 de setembro do 2017 – A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda, que dirixe a concelleira Pilar Peón, continúa coa programación do ciclo de cinema de produción galega coa película O Apóstolo.
Logo do inicio o pasado 16 de agosto na Bandeira con Os Fenómenos, a iniciativa segue este venres día 8 na praza Juan Salgueiro de Silleda ás 21:00 horas. O Apóstolo foi o primeiro filme de animación stop-motion en tres dimensións realizado en Europa. A estrea do Apóstolo tivo lugar no ano 2012 en 80 salas, logo de 4 anos de intenso traballo do equipo, baixo a dirección de Fernando Cortizo.
En O Apóstolo, no que participan actores como Carlos Blanco, Paul Naschy, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Celso Bugallo, Manquiña, Luisa Tosar ou Geraldine Chaplin., un preso foxe do cárcere para tentar atopar un tesouro agochado vai anos nunha aldea do Camiño de Santiago. Estrañas desaparicións, trasnos, un cura estraño e o arcipreste de Santiago xúntanse no camiño. Misterio, humor, animación e invención están presentes nesta película, que acadou premios coma o do XI Festival de Cine Español de Marsella, o premio á Mellor Película de Animación no XXII Festival Internacional de Cine de Animación Animamundi (Brasil) e varios premios Mestre Mateo, entre outros.
Por outra banda o vindeiro día 21 está prevista outra proxección coincidindo co Día Internacional do Alzhéimer. Neste caso proxectarase a longametraxe de animación “Arrugas”, o exitoso traballo de Ignacio Ferreras baseado na novela gráfica de Paco Roca. A cita será ás 18:30 horas na Casa da Xuventude de Silleda.
