Bisbarra, 2 de outubro do 2023 – O muro exterior do claustro do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, atópase nun estado cada vez máis preocupante e o concello busca apoios para a súa restauración.
O concello de Silleda remitiu un informe á Dirección Xeral de Patrimonio sobre o mal estado no que se atopa o muro exterior de Carboeiro. A construción presenta múltiples deficiencias e incluso xa se produciron desprazamentos de pedras que provocaron algún desprendemento.
A situación non é nova e xa se advertira del no 2018. No ano 2020 solicitouse que a reparación do muro fora incluída no proxecto de restauración do mosteiro de Carboeiro, realizado ese mesmo ano.
O alcalde, Manuel Cuíña, explica que “Agradecemos que se tivera intervido no mosteiro con reparacións que eran moi necesarias pero o mal estado e o deterioro cada vez máis grande deste muro, é apremiante” e advirte que o muro está xusto á carón da zona de acceso dos visitantes ao mosteiro.
O rexedor advirte que o edificio, declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931, precisa de novas intervencións para avanzar na súa recuperación, “polo que xa vimos reclamando que se retome o Plan Director para Carboeiro”, engade.
Ademais sinala que o monumento está a recibir cada vez máis visitantes e converténdose nun reclamo habitual para rodaxes e gravacións de distintos traballos audiovisuais. O pasado mes de agosto entraron ao mosteiro un total de 3.042 persoas, superando as cifras de anos anteriores.