Bisbarra, 27 de novembro do 2024 – A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou o maior prezo pagado neste mercado por un becerro carniceiro, ao ser adquirido por 2.502€ por Ganados y Carnes Casanova, de Guntín (Lugo).
O becerro superou os 2.363€ que se pagaran na Central o pasado 16 de xullo por outro exemplar desta categoría. O animal vendido era un macho mestizo con etiqueta Ternera Gallega Suprema nacido o 9 de febreiro deste ano e propiedade dunha explotación de Castroverde (Lugo).

A Central Agropecuaria
A Central Agropecuaria de Galicia foi creada no ano 1981 baixo o nome de Lonxa Agropecuaria de Galicia co obxectivo de dar saída aos produtos gandeiros, facilitando os encontros entre oferta e demanda e adaptando os modos de compra-venda aos novos rumbos do mercado.
O mercado, xestionado pola Fundación Semana Verde de Galicia, alberga a única poxa de gando bovino informatizada de España. Unha exclusividade que se traduce nun modelo de comercialización baseado nun sistema de poxa pública con xestión informática que exclúe a presenza de intermediarios.
Por outra banda, a Central Agropecuaria acolle semanalmente Mesas de Prezos, sen presenza física, de porcino cebado, leitóns, ovos, galiñas de desvelle (todos os martes). No seu marco produtores e industria reúnense para acordar os prezos de referencia cos que os operadores levarán a cabo as súas transaccións, sendo o seu obxectivo a xeración de prezos operativos para o mercado.