Bisbarra, 27 de decembro do 2023 – O concello de Silleda ven de renovar o convenio con Afapo, para a atención a persoas con Alzhéimer, e aumentar a cuantía que destina anualmente.
Trátase do programa de Intervención Integral a Persoas con Alzhéimer e familias coidadoras que se desenvolve a través da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (Afapo).
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, xunto ca concelleira de Benestar, Ángela Troitiño, mantivo un encontro co presidente de Afapo, José Manuel Constenla, de cara a coordinar as accións asistenciais do programa para o vindeiro ano.
Para o exercicio 2024, o Concello de Silleda aumentará a dotación para este programa, que se situará en 20.000 euros (3.000 euros máis que na anualidade actual). Un aumento que permitirá melloras na axuda ás familias de persoas con Alzhéimer.
Na actualidade desenvólvense obradoiros de terapia ocupacional e estimulación cognitiva que se realizan nas instalacións da Casa da Xuventude ao longo de todo o ano (agás no mes de agosto). Celébranse todos os martes e xoves de 10:15 a 13:30 en dúas quendas.
Agora poderase desenvolver un curso de formación para familias coidadoras non profesinais. Este curso, a través do programa “Coidados compartidos”, está previsto que se celebre en marzo, con varias sesións nas que se abordarán cuestións como os síntomas cognitivos e non cognitivos, terapias non farmacolóxicas, a comunicación cas persoas con demencia ou o autocoidado da persoa coidadora.
“Estamos moi satisfeitos con este programa integral que iniciamos xa no ano 2014 e que tan bos resultados está a dar, non só para os veciños e veciños que padecen esta doenza senón tamén para as súas familias, con consellos e indicacións que moitas veces se descoñecen”, sinala o alcalde destacando que a posta en marcha desta iniciativa é “unha clara aposta deste goberno polas políticas sociais”, engade.
Esta previsto que nas vindeiras semanas, unha vez asinado o acordo e rematadas as valoracións por parte do persoal especializado de Afapo, comecen a impartirse os obradoiros de estimulación cognitiva para as persoas con alzhéimer e outras demencias que continuarán ata final de ano na Casa da Xuventude.
Dende o Concello de Silleda tratarase de realizar ademais unha campaña informativa sobre este programa, “para tratar de chegar a máis poboación xa que sabemos da incidencia que ten esta enfermidade e que temos, por desgracia, máis usuarios e usuarias potenciais”, engade o alcalde.