Silleda, 25 de abril do 2022 – O Concello de Silleda continúa traballando de cara a aprobación do Plan Xeral, PXOM, para o municipio e ven de manter conversas coa Xunta de Galicia.
O alcalde, Manuel Cuiña, a concelleira de Urbanismo, Paula Fernández e o técnico redactor do novo PXOM, participaron en senllas reunións en Augas de Galicia e na Dirección Xeral de Urbanismo, para realizar os últimos axustes no planeamento.
“Agardamos que nos vindeiros meses o documento poida ser aprobado definitivamente”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando a importancia do PXOM para toda a veciñanza.
Así mesmo, Cuiña agradece a dispoñibilidade e a coordinación amosada tanto dende Augas de Galicia como a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, que dirixe Encarnación Rivas.
O PXOM de Silleda aprobouse inicialmente no ano 2012 e de xeito provisional no Pleno da Corporación en marzo de 2016. Pouco despois, unha sentenza do Tribunal Supremo que anulou os planeamentos de localidades como Verín e Monterrei, por non garantir a reserva de recursos hídricos, obrigou a reformular o documento, incluindo a necesaria legalización das traídas municipais.