Silleda, 18 de xaneiro do 2019 – A sala de Xuntas do Concello de Silleda acolleu a reunión anunciada en días pasados para analizar a resolución da Dirección Xeral de Territorio pola que se denega a aprobación definitiva do Plan Xeral.
O alcalde, Manuel Cuiña, reuniuse cos técnicos municipais e co redactor do Plan Xeral para analizar todas as peticións que se formulan en dita resolución. Dende o Concello de Silleda xa se está a traballar en cuestións como a inscrición das traídas de augas, mentres se agarda que o informe sectorial de Telecomunicacións volva remitirse en breves datas.
“Ademais desta cuestións nas que xa se está a traballar a orden recolle peticións que vemos inviables e que consideramos que non son razoables, como a redución do solo urbanizable no rural”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. O alcalde tamén amosou o seu total desacordo cos prazos dos informes de Patrimonio “que chegou tres anos despois de ser solicitado, cando tiñan tres meses, e cando xa se daba por aceptado que se vía favorable por silencio administrativo”.
Para Cuiña “Está claro que nos seguen enredando, pero continuaremos traballando para que o Plan Xeral de Silleda, o gran reto deste municipio, poida ser aprobado no menor prazo de tempo posible”. O rexedor avanza que ata que se remate co traballo da inscrición das traídas das augas e mentres non chegue o informe de Telecomunicacións, non se volverá a solicitar unha reunión con responsables autonómicos.
