Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral
  • Silleda

Silleda descobre unha necrópole medieval na praza da Igrexa

O achado de esta necrópole abre a posibilidade de coñecer máis afondo a historia do concello

silleda achado arqueoloxico slide 30 setembro 2026

Silleda, 30/09/2026 – O descubrimento da necrópole medieval durante os traballos arqueolóxicos da Praza da Igrexa permitirá recuperar unha parte, ata o de agora descoñecida, da historia de Silleda. O descubrimento pode dar novos datos sobre as orixes e a configuración histórica do concello.

Dúas técnicas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pertencentes á sección do Camiño de Santiago, visitaron o xacemento acompañadas polo arqueólogo silledense Israel Picón, director da intervención que está a desenvolver a empresa A Citania Arqueoloxía.

Durante a visita púidose comprobar sobre o terreo o alcance dos primeiros achados. As técnicas trasladaron o importante interese histórico e arqueolóxico das estruturas funerarias localizadas e analizaron co equipo arqueolóxico os pasos que deberán darse a partir de agora.

A previsión é que as obras de reforma poidan continuar, incorporando as medidas técnicas e as adaptacións necesarias para compatibilizar a actuación coa preservación dos restos medievais, se ben o Concello continúa á espera das directrices definitivas da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Delimitar, documentar e protexer a necrópole

Os traballos arqueolóxicos continuarán agora coa escavación manual da área, baixo control arqueolóxico tamén do material que se vaia retirando. O obxectivo inmediato é completar a delimitación en planta da necrópole para coñecer con precisión a súa extensión. Unha vez delimitada, procederase á súa limpeza, documentación e levantamento topográfico, deixando un rexistro completo das estruturas localizadas.

Posteriormente está previsto proceder ao tapado e protección dos restos, mediante unha solución que garanta a súa adecuada conservación, antes de avanzar na execución da reforma da praza nas condicións que finalmente estableza Patrimonio Cultural.

Deste xeito, a actuación permitirá conxugar dous obxectivos: preservar este novo testemuño da historia de Silleda e continuar coa recuperación urbana da Praza da Igrexa, que contempla ademais o rebaixe da cota deste espazo e a recuperación dunha fisionomía máis integrada coa contorna.

Novas pistas sobre a Silleda medieval e recuperación do espazo orixinario

O descubrimento cobra especial relevancia polo que pode achegar ao coñecemento das orixes da vila. As referencias históricas sitúan unha igrexa anterior dedicada a Santa Baia xa en época medieval, arredor de mediados do século XII. A hipótese coa que se traballa é que o actual templo, levantado a mediados do século XIX, puido construírse sobre aquela primitiva igrexa ou moi próximo á súa localización.

A presenza dunha necrópole medieval nesta mesma contorna achega agora novas evidencias arqueolóxicas da ocupación deste espazo durante a Idade Media e da existencia dun núcleo relixioso e funerario ao pé do Camiño de Santiago.

O achado resulta tamén especialmente significativo porque se convertería no primeiro xacemento arqueolóxico documentado no actual casco urbano de Silleda, máis alá da mámoa que existiu na contorna do antigo ambulatorio e que foi destruída na década dos anos 80. A necrópole constituiría así un dos escasos vestixios coñecidos que permiten achegarse directamente ás etapas máis antigas da formación da vila.

Así mesmo, este achado ven a confirmar que a necrópole estaría nunha cota inferior, co que o proxecto para rebaixar o parque da praza da Igrexa tamén supón unha recuperación da traza orixinaria desta parte da vila silledense.

A arqueoloxía, tamén como oportunidade educativa

Unha vez finalizada a retirada dos restos óseos de cronoloxía contemporánea correspondentes ao antigo cemiterio parroquial, o Concello quere aproveitar tamén a aparición da necrópole como unha oportunidade para achegar o patrimonio e o traballo arqueolóxico á comunidade educativa.

Por este motivo, mentres as condicións da intervención o permitan e sempre baixo as indicacións dos profesionais responsables, o Concello convidará aos centros educativos de Silleda a visitar a zona do xacemento, para que o alumnado poida coñecer de primeira man como se desenvolve unha escavación arqueolóxica, como se documentan os achados e que información poden proporcionar sobre a historia dunha localidade.

Antecedentes

A aparición da necrópole prodúcese no marco da intervención arqueolóxica contratada polo Concello tras localizarse, a finais de agosto, restos óseos durante os movementos de terras da reforma da Praza da Igrexa.

A obra contaba previamente coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O informe inicial indicaba que, a priori, a actuación non afectaría ningún xacemento arqueolóxico coñecido e establecía a comunicación inmediata a Patrimonio no caso de aparecer restos.

O Concello comunicou o achado o 24 de agosto, nada máis ter coñecemento da situación. A Dirección Xeral estableceu posteriormente a realización dunha intervención arqueolóxica de urxencia, que foi contratada polo Concello e adxudicada a A Citania Arqueoloxía.

Nos últimos días rematou a retirada dos restos óseos de época contemporánea vinculados ao antigo cemiterio e continuará tamén o cribado e revisión baixo control arqueolóxico da terra extraída durante a fase inicial das obras, conforme ás indicacións de Patrimonio.

Foi precisamente durante estes traballos especializados cando se identificaron as estruturas funerarias que agora están sendo estudadas como unha posible necrópole de cronoloxía medieval.

O Concello continuará coordinándose coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co equipo arqueolóxico para adoptar as solucións que permitan protexer este novo patrimonio, avanzar no coñecemento da historia de Silleda e dar continuidade á reforma da Praza da Igrexa coas máximas garantías.

Post navigation

Previous: Rois e Teo seleccionarán 20 persoas para un novo obradoiro dual de emprego
Next: Daniel Cros trae Las Almas Sedientas a Santiago

Máis novas

bng maes parquing milladoiro 6 novembro 2026
3 minutes read
  • Xeral

As incógnitas do aparcadoiro do Milladoiro

deputacion via verde remata en marzo 6 de novembro 2026 (1)
4 minutes read
  • Xeral

A Vía Verde podería estar rematada en marzo

KD&L
3 minutes read
  • Axenda

Kitty, Daisy e Lewis abren o Outono Códax Festival

Sesión constitutiva IX Lexislatura
3 minutes read
  • Xeral

Os colexios seguen pedindo reformas

Teo: Mara Cajaraville foi afeccionada aos cabalos dende que era moi pequena. Fotos familiares
5 minutes read
  • Xeral

San Martiño 2026

noia vai de tapas 5 novembro 2026 (2)
4 minutes read
  • Xeral

Noia vai de tapas

ames aproba novo credito para gastos ordinarios 2 novemro 2026
10 minutes read
  • Ames

Ames aproba un novo crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros

cineurop a40 aniversario 2 novembro 206
8 minutes read
  • Axenda

Cineuropa celebra 40 anos

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2086) Ciencia (115) Comercio e empresa (665) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2830) Curtocircuito (40) Deportes (751) Economía (450) Educación (778) eleccions (50) Emprego (244) Entroido (42) Festas e Feiras (623) Festivais (837) Galego (146) Institucións (1441) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1626) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (832) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (738) Politica (951) saúde (534) Servizos (2704) sindicatos (109) Social (567) sucesos (133) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (703) Turismo (223) Universidade (588) urbanismo (265) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para garantir o correcto funcionamento do sitio web, medir o seu uso e mellorar os nosos servizos. Podes aceptar todas as cookies, rexeitar as non necesarias ou configurar as túas preferencias. Política de cookies

Configure cookies

Necesarias para que o sitio web funcione correctamente. Non se poden desactivar desde este panel.

Axudan a medir o uso do sitio web e a mellorar os seus contidos.

Permiten publicidade, medición de campañas ou personalización de anuncios.

Gardan preferencias ou permiten contido externo non necesario.