Compostela, 13 de novembro do 2023 – Cen participantes e numerosos invitados debuxaron ns últimos días Santiago na sexta edición de Compostela Ilustrada.

O Encontro Internacional de Ilustradores de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada rematou cunha xornada na que o café, ademais de servir para superar a chuvia, foi parte dos cadros dos autores.
Os pintores recibiron a primeira hora unha breve clase práctica no auditorio do Museo das Peregrinacións a cargo do pintor e debuxante cubano Oniel Rodríguez. De seguido sairon á praza de Platerías e o seu contorno para debuxar con esta singular técnica que usa o café como elemento principal.




Segundo explica Oniel Rodríguez a pintura con café ten algunhas singularidades respecto ao que pode ser, por exemplo, pintar con acuarela que convén coñecer antes de traballar con esta técnica. “Coa acuarela podes superpoñer capas de cores. Co café é máis difícil, porque unha pincelada pode acabar coa outra. Para pintar con café, antes de empezar tes que ter moi ben pensado que queres facer», explica Oniel.



Unha xornada especial para cinco días que comezaron o pasado xoves e que converteron a Compostela na protagonista de infinidade de cadernos de debuxo. Cen inscritos, anotados desde o pasado mes de xullo, e dez convidados de excepción. Debates, un documental, e intercambio de sensacións, técnicas e experiencias conformaron esta sexta edición de Compostela Ilustrada que traballa xa no vindeiro ano.