Melide, 9 de agosto do 2017 – A zona antiga de Melide prepárase para acoller durante catro días unha nova edición, a sexta, do Mercado Medieval.
O Concello de Melide prepara estes días a distribución dos diferentes postos do Mercado Medieval e o corte das distintas rúas da vila onde se situará.
A alcaldesa de Melide, Dalia García, explica que “Precisamos a colaboración de todos os veciños que viven nas rúas e nas prazas onde se vai a asentar o Mercado Medieval para que durante os catro días de duración todo transcorra con normalidade” referíndose ao dispositivo especial que se poñerá en marcha co comezo da feira, o vindeiro venres.
As zonas que se cortarán ao tráfico e onde se asentarán os postos do Mercado Medieval así como os lugares onde terá lugar os diferentes espectáculos serán: a praza do Convento, a praza das Ichoas e a praza das Coles. Os cortes de tráfico tamén afectarán a rúa do Convento, rúa Ovedo, rúa San Antón (na súa primeira fase), rúa Cátedra, rúa San Pedro e rúa Principal.
No que corresponde aos mercados dominicais, tanto do 13 como do 20 de agosto, os postos de froitas e verduras trasladaranse á praza do Pozo Pequeno, a travesía deste mesmo nome e tamén á rúa San Antonio. No que se refire aos postos de calzado e textil, distribuiranse entre a rúa Rosaleda, Melide Di Lugano e Gaiteiros os Garceiras.
Os nenos do campamento urbán serán protagonistas do mercado medieval
Os rapaces e rapazas do Campamento Urbán de Melide terán un espazo especial dentro da programación do Mercado Medieval na vila. Será o venres pola mañá na praza das Ichoas, onde os rapaces configurarán un espazo de animación medieval, con diferentes xogos feitos por eles durante toda esta semana. Todos irán disfrazados de arlequíns, e ofrecerán a todos os visitantes un photocall medieval, un posto de maquillaxe así como tamén un castelo que contará cun pitoniso.