займ срочно

Sete obras de teatro para o último trimestre cultural na Pobra do Caramiñal

0

A Pobra, 14 de outubro do 2021 – O último trimestre do ano, en canto a actividades culturais se refire, céntrase na Pobra no teatro coa programación de sete obras ata o mes de decembro.

Serán sete propostas dirixidas a maiores de 16 anos que se desenvolverán no teatro cine Elma durante os meses de outubro, novembro e decembro. Todas elas serán en domingo, ás 19.00 horas.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, manifestou que se trata dunha mostra das citas culturais que terán lugar durante o último trimestre do ano comezando con aquelas sesións teatrais destinadas a maiores de 16 anos, se ben no mes de decembro, como é habitual, tamén haberá para público infantil e familiar e darase conta das mesmas en datas próximas.

Doutra banda, a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, indicou que as entradas son de balde e as reservas pódense efectuar na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.

O programa arranca xa no 17 de outubro con A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro. Baseada no libro homónimo de Manuel Rivas, as persoas asistentes serán testemuñas do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola, ademais do impacto da Guerra Civil.

As sesións continúan no 24 de outubro da man de Talía Teatro con Vida de cans. Escrita e dirixida por Cándido Pazó, trátase dunha alegoría canina en cinco ladridos escénicos con Dani Trillo, Toño Casais e Artur Trillo.

Culturactiva Producións representará sobre as táboas Conexión Pingüín, no 7 de novembro. Un texto de José Prieto sobre a incomunicación na era da comunicación que fará rir ao público.

No 14 de novembro será a quenda de Feminíssimas, da compañía De Ste Xeito Producións, onde tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven coinciden nun Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas que teñen tres maneiras distintas de entender o feminismo. Unha creación con altas doses de humor.

Pérez & Fernández achegarán Os nenos da varíola, no 21 de novembro. Unha adaptación á escena da novela homónima de María Solar que toma como eixo central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña que participaron na Real Expedición Filantrópica da Vacina, sendo Isabel Zendal, a reitora da institución, un dos piares máis importantes desta expedición.

Rematando o mes de novembro, no día 28, Fulano, Mengano e Citano presentan Top Manta, que trasladará aos/ás espectadores/as unha serie de historias -actuais, próximas e sorprendentes- nas que o humor se funde co teatro para crear un espectáculo co que rir.

E, finalmente, no 5 de decembro chegará Estrela do día, con Excéntricas Producións. Unha comedia chea de humor, cor e música onde as personaxes saen de miniaturas medievais e chegan aos nosos días.

A dita programación está organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies