A Fundación Eugenio Granell inaugura este xoves, as sete da tarde, unha mostra do artista Sergio Marey que nace a partir dunha lectura crítica da tradición, afastada de calquera idea de herdanza fixa ou intocable.
Na mostra “Arrieire no camiño Arrieire no lughare se che arrieire morre que camiño has de levare” a tradición non é unha identidade esencial, senón un campo atravesado por conflitos e desigualdades.
O traballo de Marey sitúase nun espazo de fricción entre a memoria colectiva, a cultura popular e as posicións disidentes, empregando códigos, imaxes e referencias moi ligadas ao contexto galego para cuestionar os relatos dominantes que historicamente os sostiveron.

Sergio Marey recorre a elementos en relación co popular e co ámbito rural a modo de xuízo ante prácticas reguladoras dos corpos e identidades a través de certas normas aprehendidas.
Reapropiase e resignifica eses referentes desde unha perspectiva crítica para abranguer aquelas experiencias e suxeitos que ficaron á marxe do discurso oficial. Desta forma, aparecen outras maneiras de entender a comunidade que desafían a visión homoxénea e idealizada do popular.
Na exposición a tradición preséntase como un terreo inestable e en constante negociación. Emprega o cotián para pensar o político, deixando a un lado a lectura nostálxica en prol dunha interpretación complexa.
A obra de Marey non busca nin conservar nin destruír a herdanza cultural, senón abrila, facendo visibles tanto as súas fendas como as súas posibilidades. A dimensión colectiva ocupa un lugar fundamental nesta práctica artística.
A creación enténdese como un proceso compartido, baseado no encontro e na acción conxunta, que permite activar novas relacións coa memoria e coa identidade. Desde esta perspectiva, a tradición convértese nun espazo vivo, aberto á revisión e á transformación desde o presente.
En última instancia, a obra de Sergio Marey formula unha pregunta clave sobre que tradicións se perpetúan e cales se exclúen, reivindicando a necesidade de imaxinar outras tradicións posibles capaces de acoller unha memoria sen exclusións.
Biografía Sergio Marey
Sergio Marey (Pol, Lugo, 1997) é unhe artista multidisciplinar, comisarie e xestore cultural galegue cuxa práctica investiga a memoria, a identidade e a diversidade desde unha perspectiva política e situada, fondamente vinculada ao mundo rural galego.
Criade nunha familia de labregos e hostaleiros na montaña lucense, o seu traballo está atravesado polas paisaxes, os saberes populares e as formas de vida comunitaria deste contexto. A súa obra articula tradición popular e problemáticas contemporáneas, con especial atención á recuperación de memorias marxinais, especialmente as das persoas LGBTIQA+ e doutros colectivos historicamente silenciados no ámbito rural.
Marey concibe a memoria como un espazo activo e político, capaz de xerar novas formas de coidado, resistencia e acompañamento colectivo.
Formade en Deseño de Moda, Deseño 3D e Coolhunting, e cun posgrao en Deseño de Bolsos polo Instituto Europeo di Design de Madrid, desenvolveu unha linguaxe artística interdisciplinar que se desprega a través da instalación, a escultura, a performance, a arte de acción e a creación téxtil.
Entre os seus proxectos destacan Deus te livre, Se te não amo falleço, Torreiro e Viva Luceiro da alba, nos que investiga a relación entre memoria, corpo, territorio e ritual.
O seu traballo foi exposto en espazos como a Fundación Joan Miró, a Fundación
Eugenio Granell, GNRation, o Centro Galego de Arte Contemporánea – CGAC, o Museo do Pobo Galego ou a Trienal de Sarria.
Realizou diversas residencias en lugares como Paraíso RPM, Azala, Ao Caraño! ou a Cidade da Cultura. En 2023 recibiu o Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveles por Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, unha obra que reinterpreta a tradición popular desde unha perspectiva queer e de reparación simbólica.
