Compostela, 27 de xuño do 2017 – Organizados por dous locais míticos do Casco Vello compostelán que case non necesitan presentación, como A Borriquita de Belén e o Modus Vivendi, e por un recén chegado ao barrio como é o novo Riquela Club, que en menos dun ano xa se está a converter nunha das referencias do histórico centro de Compostela, nacen os Seráns en Feixoo.
Desde esta tarde e ata o 20 de xullo, a fermosa e escenográfica Praza de Feixóo, en cuxas proximidades ben conviven estes tres activos locais que teñen en común o seu amor pola cidade e o compromiso coa música e a cultura, servirá de escenario para nove concertos, e un mercadiño solidario a beneficio da ONG libanesa BeFriend Me.
Como non podería ser doutro xeito, esta programación de Seráns en Feixóo servirá de escaparate a unha suxestiva e variada selección de bandas locais e galegas que están a traballar con moita seriedade e son reflexo do gran talento que atesouran os nosos músicos. A eles se suma o reputado cantante e guitarrista cubano Kamankola que nestas datas estará visitando Galicia. Teremos rock, blues, boleros, tangos, fusión, jazz en moi diferentes e enriquecedoras propostas, flamenco, etc.
Hoxe abre os Seráns en Feixóo KAMANKOLA cun concerto no que teremos a oportunidade de gozar da inspirada fusión de xéneros que explora este guitarrista e cantante cubano. O segundo concerto o protagonizan o próximo venres os composteláns NOE BLACK & THE BANG BAND e o seu rock & roll dos anos cincuenta.
As seguintes citas serán co flamenco sentido e emocionante de TACÓN GITANO na compañía de luxo do guitarrista de orixe gaditano MIGUEL FLORES (martes 4 de xullo) e co divertido blues canalla dos THE FABULOUS RESACA BROTHERS (venres 7 de xullo). O luns 10 de xullo será a vez de MAD MARTIN TRIO co seu impactante xeito de facer rockabilly e rock & roll.
Tres singulares, brillantes e variadas propostas en torno ao mundo do jazz chegarán coa presenza do TATO TRÍO (soul-jazz) o martes 11 de xullo, do XAN CAMPOS ESD (jazz-rock) o venres 14 de xullo e de MONKILLOS (coa premisa “de como soaría Thelonious Monk por bulerías, rumba, bolero ou guajira…” explican este trío galego o seu proxecto musical) o luns 17 de xullo. O peche destes Seráns en Feixóo o xoves 20 de xullo correrá a cargo de DOS BALAZOS SONARON, novo dúo formado Sábela King e Néstor Pardo, dous artistas de forte persoalidade, contrastado talento e gran presenza escénica que se xuntan por primeira vez para achegarnos o seu modo de ver un repertorio de xéneros populares como os boleros, os tangos, as rancheras, etc.
KAMANKOLA
A música de Kamankola, artista cubano que mestura o rap coa canción, é unha fusión de xéneros tanto cubanos como de outros lugares do mundo que van dende a rumba ao jazz e do rock & roll ao guaguancó. Kamankola ten editado dous discos, Antes de que lo prohiban, para o programa Peligrosamente Juntos de Radio3 (RNE) un dos discos do ano, e o máis recente Hasta precisar el aire. Kamankola ten compartido escenario con innumerables artistas internacionais como Joaquin Sabina, Javier Ruibal ou Amparo Sánchez (España), Perrozompopo (Nicaragua), Francisco Fatorusso (Uruguay), Tony Avila, David Torrens ou Habana Abierta (Cuba), etc., e tocado en prestixiosos festivais e salas de concerto, realizando xiras por países como Bélxica, Francia, Suiza, España, México, Nicaragua, Arxentina, Uruguai, etc. “Unha voz libre, contemporánea, acorde coa Cuba do novo milenio”, afirma a prensa especializada que tamén dixo de Kamankola que “o seu son namora, atrapa; ten alma, corazón e unha forma persoal de transmitir. A súa música e as súas letras son impecables” ou “un creador excepcional, capaz de recoller a tradición dos trovadores e repentistas cubanos para transformarla en rap”.