Frades, 29 de marzo do 2022 – A Xunta de Galica investirá 240.000 euros nunha senda peonil e ciclista nbo concello de Frades, entre os lugares de Pibideira e Abellá.
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, visitaron a estrada autonómica AC-524 Ordes-Lanzá no que se construirá esta senda.
O proxecto será desenvolto pola Axencia Galega de Infraestruturas. A senda terá un percorrido de 770 metros de longo por 2,5 metros de ancho. Unha actuación que ten un prazo máximo de execución de catro meses.
Gonzalo Trenor explicou que con este tipo de actuacións, a Xunta de Galicia busca “fomentar a mobilidade sostible a través da substitución dos vehículos de motor por outros medios alternativos menos contaminantes. Neste caso, falamos dunha mellora da seguridade viaria que fará que moitos veciños e veciñas deixen o coche na casa e transiten de forma segura por esta nova senda e pola xa existente en Abellá”.
Pola súa banda, o alcalde de Frades agradeceu a celeridade da Xunta de Galicia á hora de acometer esta importante mellora da seguridade viaria no municipio. Así mesmo, Rey Martínez indicou que “se trata dunha primeira fase, pois dende o Concello temos a intención de conectar o núcleo da Pibideira co do Peñasco nunha segunda fase que acometeremos nos próximos anos”.
Mellora da seguridade viaria
A senda permitirá conectar o núcleo rural de Pibideira cos núcleos de O Pazo e Sobre dos Pazos, chegando ata a senda xa existente na travesía de Abellá. Ademais de mellorar as condicións de seguridade viaria neste tramo coñecido popularmente como “a costa de Abellá”, favorecerase tamén o acceso dos veciños e veciñas a puntos importantes como son: o cemiterio de Abellá, a Igrexa, a panadería, o supermercado, o campo de fútbol ou o local social, entre outros puntos de interese.
As obras non precisaran un desvío de tráfico na zona, xa que os traballos terán lugar por medias calzadas, mantendo a calzada aberta por un dos carrís. Un aspecto moi importante, xa que a AC-524 é unha das estradas con maior tráfico de vehículos do municipio, cunha media de 2.494 vehículos por día, un 12% deles vehículos pesados procedentes de municipios veciños como Ordes ou Cerceda.
O proxecto inclúe a reposición da sinalización vertical existentes e o repintado das marcas viarias do novo tramo. Non se proxecta zona axardinada debido a que se trata dunha zona rústica, con abundante vexetación na contorna da propia estrada.