Bisbarra, 13 de marzo do 2023 – O Recinto Internacional de Galicia acollerá do 28 ao 30 de xullo unha nova edición de Equina Galicia que contará coa máxima categoría de competición.

A novena edición de Equina estará organizada pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia. A mostra incluirá o IX Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal volveu a conseguir para esta edición a categoría tres estrelas.
Logo de que en 2020 ascendese a dúas estrelas e o ano pasado a tres, este ano a Real Asociación Nacional de Criadores de Caballos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle de novo o máximo nivel neste tipo de competicións. A Real Asociación valorou a excelente evolución e o esforzo na organización, ademais das infraestruturas destinadas ao concurso no recinto Feira Internacional da Semana Verde.
Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 28 de novembro ao 3 de decembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).
Doma e espectáculos
Ademais do concurso morfofuncional, esta cita ecuestre programou xa outras interesantes competicións, como son a XXIV Copa Accega, o Territorial e o V Trofeo Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica. Ademais, incluiranse outras competicións e actividades que a organización pechará nos próximos meses, entre as que se incluirán unha competición de enganches ou espectáculos ecuestres.