Compostela, 7 de abril do 2021 – A Xunta de Galicia e a Academia Xacobea convocan a segunda edición do premio de novela Camiño de Santiago.
O Premio de Novela Camiño de Santiago está organizado pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia e da Editorial Galaxia, co obxectivo de promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou na presentación que “Este galardón é unha dobre oportunidade, para que os escritores e escritoras en lingua galega dean a coñecer o seu traballo e a súa valía, e para que o público lector se achegue ao Camiño de Santiago percorréndoo tamén a través da literatura”,
Na presentación participaron canda el o presidente e o vicepresidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Marcelino Agís, respectivamente; o director de edicións da Editorial Galaxia, Carlos Lema, e o académico Jesús de Juana.
Dinamizar a narrativa e a lectura arredor do Camiño
O II Premio de Novela Camiño de Santiago ten como tema referencial o Camiño de Santiago. As novelas, relatos ou conxuntos de relatos orixinais que se presenten a el, ata o vindeiro 15 de setembro, deberán ofrecer unha extensión mínima de 200 páxinas. A histórica vía deberá estar presente de maneira notoria na narración, na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria.
A obra gañadora recibirá 3000 euros e a publicación pola Editorial Galaxia, tanto en galego (no selo Galaxia), coma e castelán (no selo Mar Maior). Haberá tamén un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria redactada no idioma que non obteña o primeiro premio. Toda a información e bases no Portal da Lingua Galega.
