A Estrada, 9 de novembro do 2021 – O Concello da Estrada, xunto coa Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan a segunda edición do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado.
Ao Alberte Quiñoi poderán presentarse todas as obras ilustradas de tema libre, inéditas en calquera medio ou soporte, dirixidas ao público infantil. Ao premio poderán presentarse tanto unha soa persoa autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras da parte textual e/ou gráfica.
As obras serán presentadas en lingua galega normativa e deberán ter unha extensión, sen incluír a cuberta e contracuberta e as gardas, dun mínimo de 24 páxinas e un máximo de 56.
O prazo de admisión de orixinais rematará o 28 de febreiro. Establécese un premio único de 4.000 euros para o gañador ou gañadora. De seren dúas ou máis as persoas gañadoras, a contía do premio repartirase equitativamente entre todas elas.
Pódense consultar as bases completas no portal da Secretaría Xeral de Política Lingüística.